O BNG solicita melloras no servizo de recollida de lixo para as comerciantes
As nacionalistas trasladaron a preocupación das propietarias de diversos negocios de alimentación, que solicitan solucións para depositar os seus residuos durante o horario comercial sen enfrontarse a posíbeis sancións
Betanzos, 9 de agosto de 2022.- O BNG trasladou ao pleno do Concello de Betanzos a preocupación que lles transmitiron varias comerciantes con locais de alimentación pola problemática coa recollida dos residuos dos seus negocios.
En palabras da voceira do BNG no concello brigantino, “estas comerciantes posúen colectores propios con chave para o deposito dos residuos orgánicos, mais os horarios dos seus estabelecementos non son compatíbeis cos horarios de depósito dos residuos, é dicir, non poden desbotar o lixo orgánico a partir das 22h cando os seus negocios pechan ás 14:30h”.
Segundo as nacionalistas, esta problemática acentúase as fins de semana, ao non abriren os seus locais os domingos, e durante o verán, cando a calor incrementa os cheiros dos colectores. A situación empeora ao ter sido obxecto de denuncias por parte da veciñanza e apercibidos para unha posíbel sanción.
“O Concello debe actuar como mediador e trasladar esta problemática á Mancomunidade das Mariñas, para que consensúe unha solución coas comerciantes afectadas por esta cuestión”, engadiu Sánchez.
Por outro lado, o BNG solicitou que se distribúan colectores nun estado de conservación axeitado e coas fechaduras en bo estado para evitar as fugas dos materiais que se depositan neles e a mellora e limpeza xeral de todos os colectores do concello.