O BNG non asistirá ao pregón da vicepresidenta do PSOE Nadia Calviño
“As festas deben ser para toda a veciñanza de Betanzos, non son unha oportunidade para facer campaña política para o propio PSOE. Parécenos lamentábel o uso partidista que o PSOE está facendo dunha celebración que debera ser de todas as betanceiras e betanceiros”
Betanzos, 14 de agosto de 2022.- O BNG anunciou que non asistirá está tarde ao pregón da vicepresidenta do goberno do Estado, Nadia Calviño. “As festas deben ser para toda a veciñanza de Betanzos, non son unha oportunidade para facer campaña política para o propio PSOE. Parécenos lamentábel o uso partidista que o PSOE está facendo dunha celebración que debera ser de todas as betanceiras e betanceiros”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Deixando a un lado o que supón traer á Ministra de economía do goberno do estado no momento que estamos vivindo cunha subida desbocada dos prezos que estamos pagando todas e que o goberno non está tomando medidas adecuadas para controlar, desde o BNG pensamos que hai betanceiras e betanceiros merecentes desta honra sen traer unha pregoeira que non ten vinculo ningún coa nosa cidade”, engadiu Sánchez.
Supresión da Raíña das festas
O BNG non asistirá tampouco, como xa fixo os últimos anos, á celebración da raíña das festas que considera unha figura machista e clasista, que perpetúa a desigualdade. “Defendemos unhas festas para todas e todos, que fomenten a igualdade e que promovan a nosa cultura e patrimonio como o noso valor fundamental. Unhas festas das que todas nos poidamos sentir orgullosas”, concluíu a portavoz nacionalista.