O BNG solicita melloras nos locais da escola taller de Bellavista
Salvador González: “esixímoslle ao goberno local que realice todas cantas melloras sexan necesarias para solucionar esta problemática, que podería chegar a poñer en perigo a realización de cursos nas instalacións de Bellavista”
Betanzos, 16 de decembro de 2024. O BNG de Betanzos presentará unha iniciativa no pleno de hoxe para instar ao goberno local a mellorar as instalacións que ocupa a antiga escola taller municipal, onde a día de hoxe se seguen a desenvolver os obradoiros de emprego que oferta o concello.
Segundo o concelleiro nacionalista, Salvador González, “a finais do pasado mes de novembro saltaban aos titulares as queixas do alumnado do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que denunciaba o mal estado xeneralizado do inmóbel, mencionando a presenza de pingueiras, mofos, baixas temperaturas polo mal estado das fiestras ou outras cuestións que facían referencia á prevención de riscos laborais”.
Nese momento, o goberno socialista manifestou ser coñecedor do estado do edificio e das necesidades de mellorar as instalacións, mais desde o BNG indican que non resulta comprensíbel que se quite ferro ao estado dun inmóbel en que se está a desenvolver docencia de xeito habitual, recoñecendo que non cumpre cos requisitos para tal fin e sen ofrecer alternativas para mellorar ese estado actual.
As nacionalistas esíxenlle ao goberno local que realice todas cantas melloras sexan necesarias para solucionar esta problemática, que podería chegar a poñer en perigo a realización do mencionado curso nas instalacións de Bellavista.
Desde o BNG tamén sinalaron que a oferta de obradoiros de emprego se viu moi reducida, se a comparamos coa que contaba o concello na década dos noventa. Así, Salvador González instou ao goberno local do Concello de Betanzos a “solicitar unha oferta máis ampla de escolas-obradoiro que contribúan a dar formación a persoas desempregadas e a reformar zonas do concello pendentes de melloras”.