O BNG exixe ao goberno local do PSOE a convocatoria inmediata de todas as ordes de subvencións municipais
O compromiso asumido no pacto de investidura polo PSOE era modificar a asignación “a dedo” das axudas a entidades por un sistema aberto, con bases públicas e criterios obxectivos aos que calquera entidade poida decidir presentarse
“PSOE e BNG estivemos a traballar nesa substitución do modelo de subvencións nominativas por outras de concorrencia competitiva, un traballo que rematou hai meses e que non se materializou aínda sen que o goberno do PSOE aclare a que se debe”
Betanzos, 2 de decembro de 2024.- O BNG exixiu no Pleno a convocatoria das subvencións para todas as entidades do Concello de Betanzos. O concelleiro nacionalista Salvador González lembrou ao executivo socialista que “en xuño de 2023 o PSOE e o BNG de Betanzos asinaban un acordo de investidura que recollía, entre outros puntos “a substitución de convenios por liñas de concorrencia competitiva, que se convocarán todos os anos”.
O edil relatou como “PSOE e BNG estivemos a traballar nesa substitución do modelo de subvencións nominativas por outras de concorrencia competitiva, un traballo que rematou hai meses e que non se materializou aínda, pois só se convocaron as subvencións a entidades deportivas e fican pendentes de convocatoria as subvencións a entidades culturais, asociacións de veciñas e outras”. As nacionalistas entenden, pois, que hai unha clara discriminación entre unhas entidades e outras por parte do goberno local do PSOE.
As nacionalistas exixiron ao goberno do PSOE que cumpra co acordo de investidura e que aclare por que motivo non convocou xa as subvencións pendentes para o ano 2024, que está a piques de expirar. “É consciente o goberno local do escaso tempo que queda antes de que remate o ano para xustificar as mencionadas axudas?” ironizou Salvador González no Pleno. Cuestionan, neste sentido, que o goberno local impida ás entidades poder programar a súa actividade anual cunha certeza mínima e a debida antelación.
"A esencia da democracia é precisamente tratar por igual a todas as persoas e non utilizar as normas para beneficiar ou castigar a quen conveña discrecionalmente" recordan. Por este motivo, desde o BNG cuestionan a resistencia do goberno do PSOE a modificar o sistema de reparto de subvencións municipais para cumprir cos seus compromisos de investidura.
No BNG lembran que o sistema de reparto de subvencións que o PSOE mantiña en Betanzos pivotaba sobre a asignación directa de fondos municipais sen criterios obxectivos e sen igualdade de acceso por parte de todas as entidades do municipio. “Só as entidades que elixía o PSOE en base a criterios que non se fan públicos podían levar cartos que saen dos impostos de todas” e recordan que o compromiso do BNG foi “conceder todas as axudas do Concello en base a convocatorias públicas con criterios obxectivos que todo o mundo poida coñecer e decidir se opta ou non a elas”.