O BNG solicita medidas de apoio ao comercio e ao pequeno empresariado local

Vanessa Rey: “Cómpre apoiar o sector do pequeno comercio e empresariado, que nos ten convertido ao longo dos anos nun referente comercial e no núcleo en que se desenvolvían a maior parte das transaccións económicas e comerciais de toda a veciñanza da comarca das Mariñas”

O BNG solicita medidas de apoio ao comercio e ao pequeno empresariado local

Betanzos, 28. de novembro de 2024.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de apoiar un dos sectores puxantes na economía betanceira: o pequeno comercio e empresariado.

As nacionalistas indicaron que o sector do pequeno comercio ten vivido nos últimos anos facendo fronte á dura competencia que significaban as grandes áreas comerciais e o comercio en liña, que viñeron a cambiar os hábitos de consumo da maior parte da sociedade occidental.

En palabras da concelleira Vanessa Rey, “desde o BNG sempre defendemos que era importante poñer en marcha medidas no curto e no medio prazo que axudasen a mitigar o impacto destas mudanzas no consumo e, ao longo dos anos, presentamos diversas e repetidas iniciativas plenarias para poñer en valor este sector e para presentar propostas firmes de apoio ao tecido comercial e empresarial brigantino”.

Desde o BNG esixen un plan de dinamización e impulso do comercio local, elaborado activa e conxuntamente co sector, coa Corporación e cos axentes sociais, para a plena implementación do Centro Comercial Aberto, entre outras medidas.

Así mesmo, solicitan campañas específicas de apoio ao pequeno comercio local, comezando por unha campaña que incentive o consumo no comercio local nas próximas festas de Nadal.

“Cómpre apoiar o sector do pequeno comercio e empresariado, que nos ten convertido ao longo dos anos nun referente comercial e no núcleo en que se desenvolvían a maior parte das transaccións económicas e comerciais de toda a veciñanza da comarca das Mariñas”, engadiu Rey.

O BNG solicita medidas de apoio ao comercio e ao pequeno empresariado local