O BNG pediu no pleno melloras nas pistas deportivas das parroquias

Desde o BNG reclamaron que se rematen as obras de acondicionamento do campo de fútbol do Sapeiro, na parroquia de Requián, e que se acondicione o pavillón deportivo de Guiliade

O BNG pediu no pleno melloras nas pistas deportivas das parroquias

Betanzos, 11 de novembro de 2024.- O BNG pediu no pleno melloras nas pistas deportivas das parroquias. “A veciñanza de diferentes parroquias de Betanzos trasladounos o seu malestar polo estado de dúas das súas instalacións deportivas”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.  

“En primeiro lugar, a veciñanza de Requián amosounos o seu anoxo polas obras que se están a realizar no campo de fútbol do Sapeiro. Ditas obras para a recollida de augas no perímetro do campo non se remataron e produciron o efecto contrario do desexado, deixando a instalación en peor estado que inicialmente”, explicou Sánchez, quen solicitou ao goberno que conclúa as mencionadas obras para garantir un uso adecuado desta instalación. 

Por outro lado, a veciñanza de Guiliade trasladounos o seu enfado polo mal estado do pavillón da aldea, “en que a falta de limpeza e de mantemento é patente”. Desde o BNG pediron o acondicionamento desta instalación deportiva. 

O grupo municipal do BNG insistiu na necesidade de coidar os servizos tamén na zona rural do concello. “A veciñanza que vive nas zonas rurais e aldeas do noso concello ten dereito a ter servizos de calidade, igual que os que viven no centro”, engadiu Amelia Sánchez. “Todas as veciñas pagamos os mesmos impostos e non podemos permitir que as infraestruturas e servizos das parroquias estean completamente descoidados e sen mantemento”, concluíu. 

O BNG pediu no pleno melloras nas pistas deportivas das parroquias