O BNG solicita novas medicións das emisións de Betanzos HB
Betanzos, 30 de decembro de 2024. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para que o goberno local betanceiro lle solicite á Xunta a realización de novas medicións das emisións de gases da fábrica Betanzos HB, que se sitúa na parroquia de Requián.
Desde o BNG lembraron que existe un acordo en Europa para fixar novos obxectivos climáticos de cara ao 2040, en concreto, a redución nun 90% das emisións de gases de efectos invernadoiro con respecto aos valores de 1990, o ano de referencia a nivel comunitario en materia climática. En vista destes novos obxectivos na redución das emisións de gases, cumpriría volver a efectuar as medicións necesarias naquelas empresas que son grandes emisoras deste tipo de gases.
Segundo a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, “Betanzos HB xa foi obxecto de medicións no pasado, mais sería necesaria a solicitude dunhas novas medidas para sermos coñecedoras da adecuación das emisións ás novas normativas medio ambientais”.