O BNG demandou no Pleno que se instalen pictogramas nos espazos municipais para indicar accesos e servizos ás persoas con trastornos do espectro autista
Amelia Sánchez propuxo que a fin de facilitar “unha maior integración e unha mellor comunicación a esta parte da veciñanza” o goberno local “instale pictogramas en espazos públicos como parques, museo, biblioteca ou na Aula de Cultura”
Betanzos, 3 de maio de 2021. O BNG demandou no Pleno que se instalen pictogramas nos espazos e dependencias públicas do Concello para indicar accesos e servizos ás persoas con trastornos do espectro autista. A voceira do BNG, Amelia Sánchez, explicou que esta é “unha disfunción neurolóxica que se diagnostica desde idades moi temperás e que se manifesta en síntomas como a interacción social, a comunicación e a falta de flexibilidade no razoamento e nos comportamentos”.
“As persoas afectadas de TEA, por tanto, poden presentar dificultades para comunicarse ou para comprender a linguaxe verbal. Por este motivo resulta moi útil a utilización de pictogramas, formas de expresión diferentes á linguaxe verbal que facilitan a comunicación e a integración destas persoas e de moitas outras afectadas por problemas neurolóxicos” advertiu a portavoz municipal do BNG.
Neste sentido, Amelia Sánchez propuxo que a fin de facilitar “unha maior integración e unha mellor comunicación a esta parte da veciñanza” o goberno local “instale pictogramas en espazos públicos como parques, museo, biblioteca ou na Aula de Cultura”.
“Un simple pictograma indicando a localización dos baños ou das entradas e saídas dos edificios dotaría dun medio de comunicación inicial ás persoas incluídas nestes colectivos” advertiu, facendo fincapé no barato que resultaría, con esta medida, mellorar sensiblemente a vida cotiá dunha parte da veciñanza. Dado custo limitado da medida e o doado de levala á realidade, Sánchez urxiu ao executivo local a instalar estes pictogramas nos espazos públicos e dependencias de titularidade municipal.