O BNG reclama ao goberno local que cumpra a promesa dun área de lecer canino
Ano e medio despois daquel anuncio, que saibamos non houbo ningún tipo de proxecto ou xestións para cumprilo.
Betanzos, 12 de xaneiro de 2015. O BNG volveu interesarse pola área de lecer canino que o goberno local do PSOE prometeu o 18 de setembro de 2013 nas inmediacións da estación do tren Betanzos-Cidade. Ano e medio despois daquel anuncio, que saibamos non houbo ningún tipo de proxecto ou xestións para cumprilo, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A pesar do compromiso público do goberno municipal do PSOE, non hai partida nos orzamentos para este investimento nin para outros denunciaron os nacionalistas no Pleno. No BNG cren que sendo o terreo proposto polo executivo local xa de titularidade municipal o investimento que hai que realizar é moi modesto.
Houbo unha recollida de sinaturas pedíndoa hai uns anos
Ano e medio despois e sen fondos para executalo, no BNG dubidan de que o PSOE realmente crera no anuncio realizado en setembro de 2013. Existe proxecto alén da ocorrencia para ocupar un titular de prensa? interpelou o voceiro do BNG, Henrique del Río, no Pleno. Se existe, cando teñen pensado levalo á realidade? abundou. Desde o BNG consideran moi pouco ético que o goberno local asumise compromisos de forma pública con ocorrencias que xa de antemán sabían que non ían levar a cabo.
Os nacionalistas consideran que hai demanda para construír un área de lecer para cans. Houbo unha recollida de sinaturas pedíndoa en tempos do PP, pero non fixeron nada e o PSOE polo momento ademais de vender fume pouco fixo tamén, explican. Desde o BNG consideran que a construción dun área como esta ofrecerá unha alternativa para os propietarios de animais e permitirá liberar espazo en outros parques e paseos para goce das persoas.