O BNG propón renovar por completo o programa da Feira Franca Medieval mediante un proceso participativo.

photocall medieval
photocall medieval

As nacionalistas reiteran a demanda de constituír a Mesa da Ría con administracións, entidades sociais e ambientais e organizacións políticas para fixar cronograma de recuperación da ría de Betanzos.

"Falta cumprir o acordo para recuperar e homenaxear a figura do Foucellas, coa colocación dun memorial en que se lembrase que no Antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, hoxe Museo das Mariñas, foi preso e torturado Benigno Andrade".

O BNG propón renovar por completo o programa da Feira Franca Medieval mediante un proceso participativo.

Betanzos, 25 de xuño de 2025. O BNG propoñerá no Pleno abrir un proceso participativo, co tecido asociativo e grupos da Corporación, para redefinir o programa da Feira Franca Medieval. Para as nacionalistas, "a evolución da Feira Franca

foi levándoa a ser un mercado medieval máis dos que inzan o verán galego, afastándose da implicación veciñal das primeiras edicións e perdendo pouco a pouco presenza de oficios tradicionais, da historia local..." "En lugar de tirar proveito do amplo pouso etnográfico e cultural que unha cidade co legado castrexo, portuario e labrego que Betanzos ten, tírase de tópico na súa programación" sinala a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.

"No BNG consideramos que a programación da Feira Franca Medieval ten que servir para poñer en valor o papel que Betanzos xogou no Reino de Galiza na Idade Media, divulgando de xeito lúdico a historia e os persoeiros da época" abundan. "Só apostando polo propio, poderemos diferenciar a Feira Franca do resto de feiróns medievais que hai por todo o país" explica Amelia Sánchez para repasar o liderado betanceiro na Revolución Irmandiña, o peso e poder dos gremios, figuras de relevancia coma o alcalde e líder irmandiño Xohán Branco, o capitán da irmandade Alonso de Lanzós, a soldadeira María Balteira, a condesa-abadesa Urraca Pérez de Traba, os trobeiros Pero Amigo de Sevilha, Pero de Ambroa, os santos Toribio e Pedro de Mezonzo, da Casa de Présaras, os Pardo das Mariñas, con Xohán e Pero o Mariscal... "Hai suficientes episodios históricos, como visitas rexias, puxas polo sal, invasións normandas... para facer xirar cada ano a edición sobre un persoeiro ou un suceso, obrigando practicamente ao ano seguinte a regresar para descubrir outro totalmente diferente" explica a portavoz municipal do BNG.

As nacionalistas avogan por sumar a todo isto "o valor dos oficios tradicionais, a presenza de peiraos medievais na propia cidade histórica, pegados ao recinto onde se festexa a festa, permiten dotar de moito máis contido e poñer en valor as outras arestas do pasado: os oficios do viño, a corta do carrizo nos xuncais comunais, a posta en valor da carpintaría de ribeira, a presenza das danzas gremiais que teñen orixe precisamente nesta época...". E xunto coa recreación lúdica, propoñen ciclos de conferencias ou recitais nos templos góticos sobre episodios da historia medieval, oficios, persoeiros ou a lírica e prosa medievais.

Mesa da Ría

O BNG volverá insistir, ademais, na necesidade de constituír a mesa da ría con colectivos e cos diferentes grupos políticos para marcar un cronograma de actuacións para conseguir a rexeneración completa da ría de Betanzos, implicando a todas as administracións con competencia. Os últimos vertidos localizados nos ríos levan ao BNG a demandarlle á Xunta de Galiza que remate o saneamento e a depuración das augas que se verten á ría de Betanzos e a pedir a implicación dos concellos que verten á ría para culminar o saneamento.

No mesmo sentido, demandan ao goberno local do PSOE que acometa a reposición de todas as árbores taladas nos espazos urbanos e mais a ampliar o seu número, priorizando especies autóctonas, para mitigar as consecuencias do incremento da temperatura e a contaminación do tráfico rodado.

Cumprimento da Lei de Memoria

Desde o BNG demandarán tamén que se cumpra a Lei de Memoria Democrática e se retiren as honras públicas ao ministro de información e turismo da dictadura, Fraga Iribarne. Amelia Sánchez explica, ademais, que "falta cumprir o acordo para recuperar e homenaxear a figura do Foucellas, coa colocación dun memorial en que se lembrase que no Antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, hoxe Museo das Mariñas, foi preso e torturado Benigno Andrade".

O BNG propón renovar por completo o programa da Feira Franca Medieval mediante un proceso participativo.