O BNG solicita un memorial en lembranza do Foucellas no Museo das Mariñas
Salvador González: “Traemos a aprobación esta moción coa que esperamos avanzar en devolver a dignidade as persoas que loitaron en contra da ditadura franquista, así como ás súas familias”
Betanzos, 26 de agosto de 2024.- O BNG de Betanzos pide no pleno que se lembre a figura de Benigno Andrade, O Foucellas, no museo das Mariñas, antigo cuartel da Garda Civil de Betanzos, onde estivo preso e foi torturado. “ A figura de Foucellas é a de unha persoa que loitou polo réxime democrático, polos dereitos civís e políticos das galegas e os galegos e por iso desde o BNG pensamos que merece un recoñecemento público”, explicou o concelleiro do nacionalista, Salvador González.
“Coñecer a nosa historia e fundamental para non repetila, máis tamén é necesario coñecer e por en valor as figuras das persoas que loitaron pola liberdade. É necesario un compromiso real das institucións coa memoria democrática, que até o momento se centra en traballos de asociacións e colectivos cidadás, como a Asociación pola recuperación da memoria histórica, que traballan neste eido”, engadiu o concelleiro do BNG.
Segundo as nacionalistas, ese antigo cuartel da Garda Civil de Betanzos situábase no que hoxe é o Museo das Mariñas, nas dependencias do antigo convento de San Domingos, un museo dedicado á historia e á arte da comarca das Mariñas que carece de ningunha mención a este episodio da historia.
“Traemos a aprobación esta moción coa que esperamos avanzar en devolver a dignidade as persoas que loitaron en contra da ditadura franquista e as súas familias”, engadiu Salvador González.
Lembranza de Benigno Andrade, O Foucellas
Desde o BNG lembraron a figura do guerrilleiro Benigno Andrade, nacido en 1908 nas Foucellas, un lugar do concello de Mesía, axustizado mediante o garrote vil en agosto de 1952 no cárcere da Coruña.
Segundo o concelleiro nacionalista, Salvador González, “Foucellas fora sindicalista e, logo do golpe de estado de 1936, converteuse no guerrilleiro antifranquista máis coñecido da nosa contorna. Viviu 16 anos fuxido nos montes e participou na guerrilla antifranquista en Galiza. Detido nun enfrontamento coa Garda Civil, foi condenado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte. Mais antes dese xuízo e de ser agarrotado, foi levado ao antigo cuartel da Garda Civil en Betanzos. Alí, baixo tortura confesou a axuda que lle prestaran moitos alcaldes dereitistas da zona”.
Memoria Histórica en Betanzos
“É certo que tamén en Betanzos na última década se produciron avances no recoñecemento ás vítimas, por exemplo a colocación do monolito na fábrica da Madalena, onde estivo o campo de concentración, ou os cambios nos nomes dalgunhas rúas”, explicou o concelleiro nacionalista. “Mais, aínda así queda moito por facer, como o cambio na denominación na Avenida Fraga Iribarne -recoñecemento que se lle deu na súa época de Ministro da ditadura franquista- como xa pedimos no pleno ou a eliminación dos escudos falanxistas, aínda a día de hoxe presentes nalgúns edificios na nosa cidade”, concluíu.