O BNG pide que o vindeiro ano a piscina descuberta abra todo o verán
“A pesar de que o pasado mes de setembro foi moi caluroso, a piscina estivo pechada practicamente todo o mes, permitíndoselle á concesionaria incumprir o contrato”
“A pesar de que o pasado mes de setembro foi moi caluroso, a piscina estivo pechada practicamente todo o mes, permitíndoselle á concesionaria incumprir o contrato”
Betanzos, 14 de outubro de 2016. O BNG levou a Pleno o peche, durante o mes de setembro, da piscina descuberta do Carregal. “A pesar de que o pasado mes de setembro foi moi caluroso, a piscina estivo pechada practicamente todo o mes”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, facéndose eco de queixas da veciñanza. “Por certo, incumprindo a oferta coa que a concesionaria orixinal levou o concurso e as obrigas nas que se subrogou a actual concesionaria”, puntualizou.
Por este motivo, desde o BNG demandaron ao goberno local que explique o motivo polo que “se consinte que en pleno verán, e con temperaturas que rondan os 30 graos, a piscina descuberta estea pechada”. As nacionalistas cuestionan que o goberno local consinta en que a piscina abra “no mellor dos casos, durante as tardes do mes de xullo e a parte de agosto previa ás festas patronais”.
“Ademais de facer da piscina descuberta unha obra pública case sen uso, co conseguinte dispendio de cartos de todas en algo que apenas se usa, isto supón consentirlle á concesionaria facer o que lle peta en lugar de obrigala a cumprir co contrato que hai”, explican desde o BNG. Demandan, polo tanto, ao goberno local que rectifique o seu comportamento o vindeiro verán e a piscina descuberta permaneza aberta para uso da veciñanza toda a tempada estival.