O BNG trasladou ao goberno local as queixas dos usuarios da piscina e o ximnasio municipal
Del Río: O goberno local ten que garantir aos veciños a calidade do servizos que se lles está a cobrar.
Betanzos, 10 de outubro de 2012. O BNG preocupouse no Pleno polas deficiencias do ximnasio municipal. Un grupo de usuarios aseguráronnos que non hai monitor no ximnasio para dirixir os exercicios e esta situación obriga aos usuarios a comprar fichas de adestramento por 5 euros cada unha, aseguran os nacionalistas. Na ordenanza fiscal que regula as tarifas do complexo do Carregal non aparece ningunha referencia que ampare estes cobros, asegurou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Ademais, as persoas que utilizan o ximnasio municipal informaron ao BNG de que en teoría, a súa evolución é seguida mediante cámaras ante a ausencia dun monitor cualificado no local. Aínda que a gravación do ximnasio realízase sen que sexa advertida ás persoas que acceden ao recinto, vulnerando a lexislación que di que a cidadanía ten dereito a saber cando esta a ser gravada, denuncian os nacionalistas.
Entre as queixas dos usuarios e usuarias do complexo deportivo do Carregal tamén está a falta de tiradores das portas. Esta situación leva a que cando teñen necesidade de ir ao aseo teñen que ir á piscina xa que as portas dos aseos do pavillón tamén están sen tirador e aseguran que esta situación se debe a que a empresa concesionaria os retirou, non sabemos con que finalidade, pero en calquera caso incumprindo o contrato.
Por que se lle consinte á empresa concesionaria que manteña esta situación?, interpelaron os nacionalistas no Pleno. O goberno local ten que garantir aos veciños a calidade do servizos que se lles está a cobrar, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Unha saída de emerxencia cara a ningures
A pesar das obras desenvolvidas na piscina, a saída de emerxencia segue dando ao baleiro, imposibilitando a evacuación en caso de que teña que ser utilizada por un percance, advertiron os nacionalistas na sesión plenaria. Desde o BNG reclamaron ao goberno local do PSOE que adopte as medidas necesarias para solucionar esta situación.
O BNG pediu que non se cobren as cotas no mes que estivo pechado
O BNG reclamou no Pleno de xullo que o goberno local descontase as cotas da piscina municipal aos usuarios durante o tempo que permaneza pechada polas obras, que recentemente anunciou o goberno local.