BNG-Asembleas Abertas remunicipalizará as piscinas e o polideportivo
"Os traballos de mantemento non poden ser unha excusa para pechar cando máis xente pode facer uso recreativo da piscina. Hai outras épocas do ano nas que se xera menor prexuízo. Sinceramente, sona moi raro que precisamente sexa o mellor momento para facer estas reparacións a Semana Santa e agosto"
Betanzos, 11 de abril de 2014. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' que publica ACEBE trae no seu número deste mes un artigo de opinión onte o candidato de BNG-Asembleas Abertas á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, analiza as últimas queixas polo peche en Semana Santa da piscina municipal e presenta a alternativa que defendemos: remunicipalizar o servizo para garantir a calidade da súa prestación. Ofrecemos o artigo íntegro a continuación.
A piscina: servizo ou negocio particular?
A piscina e o polideportivo pecharon as súas portas esta Semana Santa. Disque cun carteliño a concesionaria anunciaba que é o momento idóneo para facer traballos de mantemento. Acontece outro tanto cada mes de agosto.
O problema é que a decisión ten provocado un grande malestar en boa parte da nosa veciñanza. Por dous motivos principalmente. O primeiro, que a piscina está pechada, pero cobran igual as cotas mensuais por un servizo que non se dá. O segundo, que precisamente en vacacións serían máis as persoas que teñen tempo de lecer, que podería acudir a gozar de instalacións municipais que mantemos todas e todos cos nosos impostos. E ademais privan da piscina ás persoas que acoden a diario para facer exercicios de rehabilitación.
Sona moi raro que precisamente sexa o mellor momento para facer estas reparacións a Semana Santa e agosto
Quen nos trasladou esta situación, informounos ademais de que nas piscinas municipais que hai nas proximidades non se pecha por Semana Santa. Oleiros, Sada ou Pontedeume, ademais de abrir de xeito habitual os domingos para facilitar o uso das instalacións municipais, tan só, e como moito, pechan nas xornadas festivas.
Os traballos de mantemento non poden ser unha excusa para pechar cando máis xente pode facer uso recreativo da piscina. Hai outras épocas do ano nas que se xera menor prexuízo. Sinceramente, sona moi raro que precisamente sexa o mellor momento para facer estas reparacións a Semana Santa e agosto. E se é por darlle vacacións ao persoal, o que tal recibe a concesionaria por facer negocio con estes servizos municipais é máis que suficiente para contratar máis persoal e non pechar as portas.
Pedimos que se devolvan os cartos correspondentes ás cotas mensuais polos días que as instalacións pecharon
No BNG entendemos motivadas as queixas e xustas estas demandas e levamos esta situación ao último pleno. Pedimos que o goberno local lle exixa á empresa concesionaria- Aquagest, agora chamada Viaqua- que abra nas vacacións. E que se devolvan os cartos correspondentes ás cotas mensuais polos días que pecharon sen compensalas.
Precisamente por este tipo de cuestións nas xuntanzas abertas que estamos a facer para redactar o noso programa de goberno, BNG-Asembleas Abertas decidimos incluír a remunicipalización das piscinas- tanto a cuberta como a descuberta que apenas abre xullo e agosto- e o polideportivo. Porque cremos que dará mellor servizo se non está supeditada a que unha concesionaria saque beneficios delas.