Otero: "o primeiro son as usuarias e usuarios da piscina e non as comenencias da concesionaria"
"Só BNG votou en contra de subir as cotas da piscina e polideportivo o pasado mes de novembro. Coa que está caendo coa crise e con 1250 persoas sen emprego que hai no concello, entendemos que o importante é garantir que a veciñanza poida continuar usando as instalacións e non que resulte prexudicada para que a concesionaria manteña en todo caso a súa marxe de beneficios".
Betanzos, 9 de maio de 2013. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', editado por ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo da concelleira María Otero sobre as iniciativas que o BNG levou ao Pleno relacionadas cos servizos da piscina e complexo deportivo do Carregal. Polo seu interese, reproducímolo a continuación integramente.
Piscina: servizo público ou beneficio particular?
As usuarias e usuarios da piscina están molestos cos cambios que se deron nos últimos meses nas instalacions deportivas do Carregal. Ademais de queixas polo estado das instalacións, están descontentos porque se subiron as cotas e non se descontan os días festivos e períodos vacacionais que as instalacións cerran. Por non falar de outro tipo de irregularidades que xa levamos ao Pleno, como que presten servizos que o Concello non autorizou.
O Pleno aprobou cos votos do PSOE e a indifencia do PP e CxB subir as cotas do complexo deportivo do Carregal. Só BNG votou en contra de subir as cotas da piscina e polideportivo o pasado mes de novembro. Coa que está caendo coa crise e con 1250 persoas sen emprego que hai no concello, entendemos que o importante é garantir que a veciñanza poida continuar usando as instalacións (unhas instalacións que, por certo, xa pagou cos seus impostos) e non que resulte prexudicada para que a concesionaria manteña en todo caso a súa marxe de beneficios. Que era precisamente a finalidade da suba, segundo se desprende da documentación que presentaron ao Pleno.
O Pleno tamén aprobou unha moción do BNG para que se descontasen das cotas do complexo deportivo do Carregal os cartos correspondentes aos días que a concesionaria non presta o servizo por pechar (festivos, pontes, vacacións....). Naquel momento o PSOE apoiou a nosa moción, pero claro, antes estaban na oposición e, ao igual que en moitos outros temas, según cambian de asento no salón de Plenos cambian tamén de criterio.
O goberno do PSOE abandonou aos usuarios e usuarias en mans da empresa e non fixo ningún tipo de xestión para que se desconten as cotas o tempo que pecha a piscina
Polas respostas que reciben as persoas que se dirixen á concesionaria pedindo que se lles desconten eses cartos, aludindo a este acordo precisamente, entendemos que o goberno local abandonou aos usuarios e usuarias en mans da empresa e non fixo ningún tipo de xestión neste sentido. Non entendemos, polo tanto, por que o PSOE apoiou este desconto de cotas no Pleno se non tiña pensado facelo valer diante da concesionaria.
Dende o BNG temos claro que o primeiro son as usuarias e usuarios das instalacións e non as comenencias da concesionaria. Fumos moi críticos no seu día coa privatización da piscina, advertimos de que podían vir enriba este tipo de problemas e, por desgraza, o tempo confirmou os nosos temores. Toda a veciñanza pagamos por un servizo público e temos dereito a exixir que nos dean o servizo nos termos en que o pagamos. Que intereses está defendendo o goberno local do PSOE?