O BNG traslada ao Pleno as queixas veciñais pola temperatura e hixiene da piscina municipal
Despois de recoller sinaturas e de ter presentado de forma oficial este problema ante o Concello nada se fixo para corrixir esta situación.
O voto do BNG foi o único en contra de que se permitise a Viaqua ceder a concesión da piscina a outra empresa privada.
Betanzos, 5 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas Abertas trasladou ao Pleno as queixas dun colectivo de usuarias da piscina pola temperatura da auga e a limpeza e hixiene das instalacións. Son persoas que teñen que acudir a piscina por prescrición médica, dado que está calificada como piscina terapéutica, e o seu tratamento precisa unha determinada temperatura da auga, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Despois de recoller sinaturas e de ter presentado de forma oficial este problema ante o Concello nada se fixo para corrixir esta situación, engadiu.
Fumos o único grupo que votou en contra de que se permitise a Viaqua ceder a concesión da piscina a outra empresa privada
As nacionalistas explicaron que son múltiples e continuas as queixas polo mal funcionamento da piscina municipal e das pistas polideportivas do Carregal. A veciñanza acheganos queixas continuas polo mal servizo, polos horarios, polos peches en epocas vacacionais durante os que siguen cobrando as taxas e neste caso pola temperatura da auga, indicou o voceiro nacionalista, a xestión privada é evidente que busca aforrar cartos para incrementar a marxe de beneficio.
Desde o BNG-Asembleas Abertas recordan que propuxeron que se estudara a posibilidade da xestión directa deste servizo mentres que o goberno local parece decidido a consentir un traspaso da concesión a unha nova empresa privada. As nacionalistas lembran que o seu foi o único voto en contra a que se permitise a Viaqua ceder a concesión do complexo deportivo do Carregal- as dúas piscinas e o pavillón municipal- a outra empresa no pleno do pasado mes de outubro.