O BNG insiste en que se desconten as taxas da piscina mentres estea pechada
Xa trouxemos estas queixas con anterioridade, manifestando o goberno local que xa amañara o problema. Por que, daquela, volve a xente a queixarse desta situación?
Betanzos, 4 de abril de 2013. O BNG trasladou ao Pleno as queixas dun grupo de persoas usuarias da piscina e o complexo deportivo municipal. Segundo estas persoas, as instalacións permaneceron pechadas durante a pasada Semana Santa pero se lles cobra o mes completo.
Os usuarios e usuarias do complexo deportivo municipal tamén se queixan, advertiu o BNG, de que non recibiron ningún tipo de información sobre a suba de taxas que aprobou o goberno local no Pleno. Os nacionalistas opuxéronse a esta suba porque en tempos de crise non se pode cargar na veciñanza para que a empresa concesionaria manteña a marxe de beneficios.
Xa trouxemos estas queixas con anterioridade, manifestando o goberno local que xa amañara o problema, lembraron os nacionalistas no Pleno. Por que, daquela, volve a xente a queixarse desta situación? cuestionaron ao goberno do PSOE. Os nacionalistas exixiron que se lle poña solución a esta situación o antes posíbel para evitar maiores prexuízos á veciñanza.
Desde o BNG recordan que o pasado 22 de febreiro de 2011 o Pleno aprobou unha moción do BNG que solicitaba, entre outras cousas, que non se cobrase as cotas correspondentes a outro período de peche da piscina. Entre os grupos que apoiaron a proposta nacionalista figuraba o PSOE, actual goberno. Por este motivo o voceiro do BNG, Henrique del Río, reclamou ao goberno local que por unha vez teña coherencia entre o que dixo e o que fai e adopte as medidas que faga falta para cumprir ese acordo ou que aclare por que non cumpren cos acordos plenarios que apoian.