O BNG solicita que se mellore o piso das pontes de madeira de paso que se repintan
“Non é nada complicado como para que non se poida facer a maiores do tratamento á madeira que prevé o proxecto do goberno local”
Betanzos, 12 de outubro de 2016. O BNG trasladou ao Pleno as queixas veciñais polos resbalóns nas pontes de madeira do Areal, sobre o Mendo, e do Xuncaliño. Sobre o Mandeo. “Varias persoas téñennos alertado de resbalóns nas pontes peonís de madeira do Xuncaliño e do Areal. Sosteñen que o pavimento de madeira, cando orballa, se torna moi esbaradío e provoca incidentes”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
Desde o BNG pediron ao goberno local que “dado que ven a tempada de choivas coloque máis bandas rugosas no pavimento destas pasarela peonís para evitar incidentes”. As nacionalistas preocuparonse tamén polos prazos que baralla o goberno para estas obras ou se ten previstas outras actuacións para atallar o problema.
Neste sentido, indicaron que a actuación que a veciñanza demanda pode facerse perfectamente xunto co vernizado que o goberno local acaba de sacar a contratación. “Xa que se van repintar ambas pontes, non está de máis mellorar a seguridade para as persoas que as utilizan a diario”, apunta o voceiro do BNG.
“Se o goberno local tivese contrastado esta actuación coa oposición en lugar de actuar como sempre de maneira unilateral e sen participación de ninguén máis, xa lle teriamos trasladado esta demanda veciñal para que se incluíse no proxecto das obras que teñen a contratación”, engade. “Foi unha mágoa, pero non é nada complicado como para que non se poida facer a maiores do tratamento á madeira que prevé o proxecto”, conclúen.