O BNG esixe a limpeza das hortas da Cañota
As nacionalistas alertan da perigosidade destes terreos en caso de se iniciar un incendio, así como pola presenza de xabarís nas fincas.
Betanzos, 23 de agosto de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de solicitar a limpeza e as melloras nas hortas da Cañota, que están, na súa maior parte, abandonadas e cubertas dunha capa de broza de varios metros de alto nalgúns puntos. Estes terreos son en boa parte de titularidade privada, mais tamén están nesa situación as fincas expropiadas polo Concello hai anos a carón do Mandeo.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “a súa situación, a carón do Casco Histórico e pegadas a varios bloques de vivendas, convérteas nun serio perigo para a seguridade colectiva neste estado. Ademais do perigo de incendio, varias persoas téñennos alertado da presenza de xabarís no entorno, vagando polo lugar mesmo de día, constituíndo outro perigo para a xente que frecuenta a zona, sexa de paseo, lecer nocturno ou para o tránsito rodado da concorrida rúa da Cañota”.
Tal e como indican as nacionalistas, o pasado ano houbo un incendio nunha das casetas que se localizan neste entorno e hai unhas semanas houbo outro conato, sufocado por unha tromba de auga.
No BNG levan anos solicitando medidas similares, sen que o goberno local actúe. “Cómpre retirar toda a broza deste entorno para garantir a seguridade da veciñanza, tanto por conxurar o perigo de incendio como por retirar acubillo ao porco bravo no medio da vila”, puntualizou Sánchez.