O BNG insiste en poñer solución ás verteduras que se producen ao río Mendo
Vanessa Rey: “agardabamos unha maior preocupación neste tema e que se tivese unha especial vixilancia e control con estas verteduras logo dos graves problemas que vivimos o verán pasado”
Betanzos, 16 de outubro de 2023.- O BNG pediu no pasado Pleno unha solución para as reiteradas verteduras que se producen aos ríos do concello, en especial ao río Mendo.
Segundo indicou a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, “o pasado 22 de setembro, o río Mendo volvía sufrir unha vertedura que alarmaba a veciñanza que paseaba polas súas ribeiras. As augas do río aparecían cubertas dunha substancia verde-amarelenta de procedencia descoñecida”.
“Logo dos episodios co subministro de auga potábel deste verán e da preocupación que estes xeraron na veciñanza betanceira, no BNG agardabamos unha maior preocupación neste tema e que se tivese unha especial vixilancia e control con estas verteduras, mais vemos que a cuestión non muda”.
As nacionalistas solicitáronlle ao goberno local que procure unha solución para as continuas verteduras que afectan aos ríos que bañan Betanzos e dos que se subministra de auga potábel á veciñanza. Na mesma liña, esixíronlle a Augas de Galiza (organismo dependente da Xunta de Galiza) que poña fin a estas verteduras, que crean un gravísimo problema medio ambiental e que lle afectan á saúde pública.