O BNG pediu celeridade ao goberno galego na contratación das novas fases da rehabilitación do Parque do Pasatempo
Mercedes Queixas: “Transcorrido un ano desde o anuncio da adxudicación de 1,5 millóns de euros para afrontar as novas fases de recuperación deste BIC, non se ten feito pública a licitación destas obras, o que pode impedir cumprir cos prazos de execución e a consecuente perda dos fondos europeos”
Betanzos, 5 de decembro de 2023.- O BNG pediu celeridade ao goberno galego na contratación das novas fases da rehabilitación do Parque do Pasatempo. “O Parque do Pasatempo de Betanzos leva pechado ao público desde 2018 debido aos desprendementos que se produciron nos estanques da Gruta e do Retiro, que ameazaban a estabilidade da estrutura do parque e que poñían en risco a seguridade do público visitante”, recordou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
“Hai agora un ano facíase pública a adxudicación de 1,5 millóns de euros de fondos europeos para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos a través do Plan Turístico Xacobeo 21-22”, explicou Mercedes Queixas. “Non obstante, non se fixo pública a licitación destas obras, o que pode impedir cumprir cos prazos de execución e a consecuente perda dos fondos europeos adxudicados”, engadiu.
Por todo isto, o BNG solicitou información o goberno da Xunta sobre se ten licitadas as novas fases de restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos e en que prazo máximo teñen que estar executadas, para recibir a subvención da Unión Europea anunciada.
“Tamén pedimos información sobre como se vai desenvolver o Plan Director do Parque do Pasatempo de Betanzos entregado ao Concello o pasado mes de marzo e o plan de restauración ten previsto desenvolver porque desde os anuncios no mes de maio, xusto antes das municipais o goberno galego que ten cedido temporalmente o Parque do Pasatempo para poder levar a cabo estas obras de rehabilitación, non avanzou nada no tema”, concluíu.
Investimento da area de turismo da Deputación
Até este momento, este espazo cultural senlleiro dentro do patrimonio cultural galego e sometido a un proceso de abandono e deterioración inxustificábel por parte das administracións que puxo en risco a propia supervivencia, apenas recibiu atención do servizo de cultura da Deputación da Coruña a través dun convenio asinado co Concello de Betanzos, polo que se asignaban 750.000 euros para a rehabilitación do parque e que permitiron recuperar o estanque do Retiro.