O BNG pediu no Pleno que se convoquen as bolsas para adquisición de material escolar
Desde o BNG pediron que se volvan a convocar estas axudas para o material escolar e así colaborar na mellora da situación económica de moitas familias betanceiras e que o goberno estableza prazos para esta convocatoria, que debería ser antes do final de curso
Betanzos, 10 de maio de 2022.- O BNG pediu no Pleno que se convoquen as bolsas para adquisición de material escolar. “Antes da pandemia, o Concello de Betanzos ofertaba unhas bolsas para a axuda da adquisición de material escolar para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria. Estas bolsas, non se ofertan desde o curso 2019-20”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“As axudas resultaban de grande axuda para aquelas familias con necesidades económicas e cómpre lembrar que estas necesidades se acrecentaron desde esa data coas sucesivas crises económicas e imparábel subida de prezos que vivimos que está afogando as economías familiares”, engadiu Sánchez
“No BNG preguntamos en innumerábeis ocasións polas bolsas de material escolar e nunca se nos deu unha resposta firme, a última que recibimos foi que estas se substituíran polas axudas en colaboración coa Deputación da Coruña para a compra de ordenadores”, indicou a portavoz nacionalista.
Desde o BNG pediron que se volvan a convocar estas axudas para o material escolar e así colaborar na mellora da situación económica de moitas familias betanceiras e que o goberno estableza prazos para esta convocatoria, que debería ser antes do final de curso.