O BNG mostrouse contrario ao proxecto do PSOE para o camiño a carón do Mandeo
Del Río: facer desmontes e zapatas de hormigón xusto a carón do Río entendemos que é unha barbaridade
Desde o BNG anunciaron que van convocar a unha xuntanza a diferentes grupos ecoloxistas da comarca e aos veciños e veciñas en xeral para explicarlles o proxecto e valorar a presentación de alegacións conxuntas e outras medidas.
Betanzos, 28 de agosto de 2014. O BNG mostrouse no Pleno contrario ao proxecto de camiño a carón do Río Mandeo para o que o goberno local pide financiamento á Deputación. O PSOE levou a aprobación do Pleno un proxecto que a grandes rasgos é moi similar ao que elaborara a Deputación Provincial no ano 2010 e que ten como orzamento 543 000 euros, explicou o voceiro do BNG Henrique del Río, pensamos que no momento que vivimos hai necesidades moito máis urxentes para os nosos veciños e veciñas onde investir preto de 600 000 euros. Case 200 000 euros por cada quilómetro deste camiño.
É un camiño que nos parece que non é prioritario. Mesmo desde o punto de vista turístico consideramos moito mais importante restaurar o Casco Histórico ou manter O Pasatempo en boas condicións que realizar un investimento de 600 000 euros nun tramo de camiño a carón do Mandeo, indicou Del Río, a prioridade debera ser manter o que temos e que nos fai distintos do resto de vilas do País e non construir un paseo fluvial coma os centos que xa hai.
Desde o BNG consideran ademais que o proxecto segundo ven redactado vai ter un altísimo impacto no medio e vai destruir un dos poucos tramos virxes do rio Mandeo. Xa hai suficiente rio canalizado e con construcións mesmo de edificios ao seu carón. Pensamos que é prioritario manter o noso ecosistema natural e nese sentido facer desmontes e zapatas de hormigón xusto a carón do Río entendemos que é unha barbaridade, criticou Del Río. O voceiro nacionalista recordou que este tramo e parte da Rede Natura e da propia reserva da Biosfera polo seu especial valor medioambiental.
Ademais os nacionalistas pediron ao goberno local que abandone a súa política curtopracista e que pense nas necesidades reais dos veciños e veciñas. O prazo de execución desta obra é de 8 meses, que casualmente coincide coa celebración das eleccións municipais do ano que ven. Está clarísimo que esta é a unica prioridade do goberno local, poder cortar unha cinta. Pero quen vai facer o mantemento dunha pasarela flotante de madeira que vai pasar por enriba do carrizal de San Xiao?, preguntouse Del Río.
Desde o BNG anunciaron que van convocar a unha xuntanza a diferentes grupos ecoloxistas da comarca e aos veciños e veciñas en xeral para explicarlles o proxecto e valorar a presentación de alegacións conxuntas e outras medidas. Todos e todas temos a obriga de defender o noso patrimonio natural e desde o BNG vamos explicar á situación aos colectivos e persoas interesadas para facer presión e tentar parar un proxecto que vai supor un tremendo impacto no Río Mandeo e como consecuencia na propia Ría de Betanzos, anunciou Del Río.