O BNG pediu que o Pleno apoie á ANPA e colgue unha pancarta coa lenda Cole novo, non aulario'
Del Río: Lamentamos o voto en contra do PP defendendo o indefendíbel, en contra dos intereses da nosa cidade
Esperamos que o PSOE no goberno local cumpra estes acordos e busque unha postura unitaria, como hai lle vimos reclamando, na defensa do ensino público
Betanzos, 27 de agosto de 2014. O BNG trasladou onte ao Pleno a petición da ANPA do Vales Villamarín unha moción para que o Concello apoie as demandas da comunidade educativa dun novo colexio para a nosa cidade e non un simple aulario como anunciou a Consellería de Educación.
Os nacionalistas reclamaron ao goberno local do PSOE que instale, no balcón da Casa Consistorial e do Edificio Arquivo, unha pancarta coa lenda Cole novo, non aulario, a petición da ANPA do colexio. Trataríase de mostrar o apoio do Pleno da corporación as demandas da comunidade educativa e á súa defensa dun ensino público de calidade para os nosos fillos e fillas.
O pasado mes de xullo, a instancias do BNG, o Pleno da Corporación aprobou de forma maioritaria un acordo para instar ao goberno local a buscar a unidade de toda a veciñanza, grupos políticos e comunidade educativa para defender o ensino público de calidade na nosa cidade, que pasa por un novo colexio de educación infantil independente que acabe coa masificación do Vales Villamarín. O acordo tamén facía referencia a instar ao goberno local a trasladar este acordo aos Concellos da comarca, singularmente aos de Coirós e Paderne como parte da área educativa de Betanzos, para buscar o seu apoio.
Del Río: Lamentamos o voto en contra do PP defendendo o indefendíbel, en contra dos intereses da nosa cidade
No BNG entendemos que a forma de obrigar á Xunta a dar marcha atrás nesta aldraxe é ofrecer unha postura de unidade da man da comunidade escolar, explicou Del Río, o pasado mes de xullo pedímoslle ao goberno do PSOE que por unha vez soubese estar a á altura das circunstancias e actuase con altura de miras buscando actuacións conxuntas para enfrontar o anuncio da Xunta de reconverter o novo colexio de educación infantil nun simple aulario do CEIP Vales Villamarín.
A actuación do goberno do PSOE, malia apoiar a nosa proposta de levar adiante actuacións conxuntas, foi a contraria. Insistimos na necesidade de que o goberno local rectifique o seu cálculo electoralista poña por diante da súa comenencia electoral os intereses xerais da nosa veciñanza, criticou o voceiro nacionalista.
A decisión da Xunta chega logo de ducias de promesas e compromisos coa veciñanza de Betanzos por parte de diversos responsábeis do goberno galego e do PP. En todos eles, o PP sostivo que o novo colexio era unha realidade grazas ao seu compromiso, un compromiso que tivo que forzar a mobilización da comunidade educativa. E en todos eles, o PP, que agora o nega, falaba dun novo colexio de educación infantil, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Esperamos que o PSOE no goberno local cumpra estes acordos e busque unha postura unitaria, como hai lle vimos reclamando, na defensa do ensino público
Onte no Pleno o PSOE apoiou esta medida e o PP votou en contra das demandas da ANPA. Lamentamos a postura do PP defendendo o indefendíbel, en contra dos intereses da nosa cidade, criticou Del Río, Esperamos que o PSOE no goberno local cumpra estes acordos e busque unha postura unitaria, como hai lle vimos reclamando, na defensa do ensino público na nosa cidade.