O BNG celebrou onte un encontro para explicar as liñas fundamentais do seu programa
Amelia Sánchez: "Betanzos merece máis e a receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo"
Betanzos, 5 de marzo de 2023.- O O BNG celebrou onte un encontro para explicar as liñas fundamentais do seu programa electoral para as eleccións municipais de maio. No encontro interviron, Vanessa Rei, Henrique del Río, coordinador do programa electoral e a candidata á alcaldía de Betanzos, Amelia Sánchez.
O programa do BNG centrase en 5 liñas de traballo fundamentais para reverter a situación de Betanzos que concretan “un modelo de cidade”, segundo explicou o coordinador do programa electoral dos nacionalistas, Henrique del Río.
A transparencia e participación da veciñanza, a igualdade ou a normalización do uso do galego serán temas fundamentais e transversais no goberno nacionalista. A partir deses puntos desde o BNG traballan en liñas fundamentais como a mellora na mobilidade, insistindo na necesidade dunha estación de autobuses e melloras nas frecuencias de bus, así como nun tren de proximidades que conecte Betanzos coas cidades da Coruña ou Ferrol.
Outro punto fundamental é o dereito no acceso á vivenda, “que se ten que centrar na rehabilitación e posta a punto da vivenda existente, e non na construción de vivenda nova mentres temos as casas, do casco e barrios de Betanzos a caer”, engadiron.
O BNG aposta por converter no medio prazo a Betanzos nunha cidade cunha elevada calidade de vida, un patrimonio conservado e valorado e un desenvolvemento sostíbel. “Con este deseño aspiramos a inserir Betanzos na esixente rede europea das slow cities”, explicaron. A formación destacou que un dos seus principais obxectivos será a recuperación e posta en valor do patrimonio da cidade "como fonte de riqueza".
"Betanzos merece máis e a receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo", incidiu Amelia Sánchez, candidata do BNG á alcaldía de Betanzos: "Sabémolo facer, estámolo facendo en vilas e cidades parecidas a Betanzos, como Allariz, Ribadeo ou Pontevedra", concluíu.
Encontros polas parroquias
O BNG comezará esta semana unha rolda de encontros polas parroquias e barrios de Betanzos para explicar estas liñas fundamentais do seu proxecto para Betanzos e recoller achegas e demandas da veciñanza. Os encontros comezarán o vindeiro xoves día 9 de marzo en Xanrozo ás 20 h no local social.