Betanzos Merece máis e desde o BNG estamos traballando con ilusión, forza e ganas para levar adiante un proxecto que converta Betanzos no concello que queremos e sabemos que pode ser.
A proposta do BNG está clara, un proxecto ilusionante que se basea en todo o potencial que Betanzos ten de base para volver ser o que xa foi: a cabeceira dunha comarca puxante e un dos concellos de referencia no norte de Galiza.
No BNG estamos convencidas de que o noso patrimonio ten que ser o motor da nosa economía. A rehabilitación integral do casco vello, do Pasatempo ou da Fábrica da Luz; a creación de centros de interpretación do noso patrimonio máis representativo e a posta en valor dos elementos históricos do noso concello (non esquezamos o patrimonio do rural betanceiro) converteranse en elementos de creación de emprego e de riqueza, non en simples escenarios turísticos baleiros de contido.
Outro tanto acontece co noso medio ambiente. As betanceiras vivimos de costas aos nosos ríos, á ría e ao conxunto do noso entorno natural. O Mendo e o Mandeo son sumidoiros e a veciñanza vive de costas a eles. Cómpre mudar esta dinámica, levar a cabo o saneamento completo dos ríos e da ría e aproveitar todo o seu potencial produtivo, ecolóxico, paisaxístico e turístico. Un entorno natural coidado e ben aproveitado convértese nunha fonte de riqueza e de desfrute para o conxunto da sociedade.
Unha sociedade que demanda servizos públicos eficientes. É necesario que o concello xestione de maneira directa servizos que hoxe están privatizados e que non funcionan en condicións de eficiencia e calidade. Servizos como a auga, o saneamento, a piscina municipal e, especialmente, o comedor escolar. Cremos firmemente que a xestión pública directa é sinónima de mellores servizos e resulta evidente que o actual modelo non está a funcionar.
E na liña de servizos de calidade, propoñemos a creación dun espazo de servizos específicos para as mulleres. Un espazo que se localizaría no antigo Convento das Donas (hoxe en rehabilitación e sen unha finalidade de usos clara) e que ofrecería un centro de orientación familiar, para evitar que as mulleres de Betanzos e das Mariñas tivesen que desprazarse ao centro do Ventorrilo, e un centro de información á muller.
Un concello dinámico, consciente do seu potencial, orgulloso do seu pasado e que confíe nas súas posibilidades de futuro; un concello que ofreza servizos de calidade á súa veciñanza e que se preocupe polas súas necesidades; un concello que reactive os sectores produtivos e que aposte polo local. Esas son as propostas do BNG para Betanzos.