BNG empraza Correos a reparar e rehabilitar o local de Betanzos
Néstor Rego demanda adoptar, en tanto non se realicen as obras de reparación, medidas para garantir a seguridade, a saúde e a integridade persoal das persoas traballadoras e usuarias das dependencias
A organización nacionalista solicita á entidade pública a retomar o proxecto de reforma integral
Madrid, 24 de abril de 2024. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar preguntas para solicitar a reparación e rehabilitación do edificio de Correos en Betanzos para garantir a seguranza, a saúde e a integridade do persoal e das usuarias. A organización nacionalista, após coñecer o fechamento do acceso ao soportal do edificio polo risco de derrubamento, demanda, máis unha vez, retomar o proxecto de reforma integral que Correos abandonou en 2021.
En 2015, a empresa pública iniciou as xestións para acometer unha reforma integral do local en que segue a prestar neste momento os seus servizos na localidade de Betanzos. En abril dese ano encargou o servizo de asistencia técnica para o estudo estrutural e o proxecto foi entregado en maio. En agosto foi adxudicada a redacción do proxecto básico e de execución, que foi rematado en decembro de 2017, e para o que consegue a licenza de obra en abril de 2018.
Para que non se deixara sen servizo a cidadanía, Correos decidiu alugar un local na Praza do Emigrante do que nunca chegou a facer uso. Así, transcorrido o primeiro ano e estando no segundo ano de contrato de aluguer, Correos decidiu descartar a rehabilitación do inmóbel sen que, aparentemente, se tiveran acometido obras de ningún tipo para a mellora do local. De facto, recentemente o soportal en que se sitúa a porta de acceso ás oficinas de Correos en Betanzos, apareceu balizado e fechado para evitar o paso das persoas, advertindo do risco de desprendemento do teito.
“Isto é a proba do estado de deterioro das dependencias de Correos, un local onde traballan numerosas persoas e polo que circulan a diario todos e todas aquelas que acoden a facer as súas xestións. Mesmo evidencia tamén que a actual situación e a falta de actuacións de mellora pode afectar á seguridade e á integridade persoal das persoas traballadoras e usuarias” sinala Rego.
Ante esta situación, a organización nacionalista quere coñecer cal é o estado actual do inmóbel, a que se debe o risco de desprendemento e que medidas vai adoptar. “Que actuacións ten previsto acometer Correos para reparar e rehabilitar o edificio garantindo un entorno de traballo seguro e un local sen risco para as persoas usuarias? Cando darán comezo as obras?” son algunhas das preguntas formuladas.
Así mesmo, o deputado do BNG require da opinión do Goberno a respecto da posibilidade de retomar o proxecto de reforma integral que Correos descartou en 2021. O actual estado do edificio evidencia a súa situación de deterioro” asevera.
Por outra parte, a organización nacionalista avanza o rexistro de iniciativas a nivel municipal, a través da súa portavoz, Amelia Sánchez, para que o Concello de Betanzos leve a cabo as actuacións necesarias para que o Goberno retome o proxecto de rehabilitación integral da oficina.