O BNG de Betanzos pide a rehabilitación integral do lavadoiro das Cascas
Betanzos, 5 de xuño de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para conseguir a rehabilitación e a limpeza integrais do lavadoiro das Cascas, pertencente ao legado dos García Naveira e referente para a historia do traballo colectivo feminino.
A concelleira nacionalista, Vanessa Rey, explicou “o lavadoiro inaugurouse en 1902 e, nel, os García Naveira crean un lugar para mellorar as condicións laborais das lavandeiras betanceiras, mulleres de clase baixa que personifican a precariedade laboral do século pasado. Viviu épocas de esplendor en que numerosísimas mulleres de Betanzos acudían para lava a roupa das súas casas e das casas dos señores, mais os cambios de vida acabaron co seu obxectivo inicial”.
Desde o BNG reafírmanse en que o lavadoiro constitúe un espazo arquitectonicamente marabilloso e un lugar cunhas grandísimas posibilidades como espazo cultural, para actos a pequena escala, cine de verán ou exposicións.
Segundo as nacionalistas, é precisamente este uso como espazo cultural por diversos colectivos o que visibiliza o mal estado das instalacións e o que deixa ver a necesidade de acometer obras de mellora.
Rey lembrou que “o lavadoiro sofre o mesmo deterioro que outros edificios patrimoniais brigantinos e faise necesaria un investimento para a rehabilitación interior e exterior do inmóbil, así a limpeza profunda das instalacións”.