Encontro do BNG coa Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos
As nacionalistas presentáronlle as súas propostas á Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos, que se encamiñan ao saneamento dos ríos e á rexeneración integral da ría de Betanzos
Betanzos, 17 de xuño de 2026. O BNG de Betanzos desenvolveu no serán do martes un encontro coa Asociación Amigos dos Ríos de Betanzos (ARBE), con fin de poñer en común as súas propostas para a rexeneración da ría de Betanzos e para a protección e o saneamento dos ríos que transcorren polo termo municipal.
O encontro desenvolveuse dentro do proceso iniciado pola organización nacionalista para reunirse coas entidades, asociacións e clubs que conforman o tecido asociativo de Betanzos.
Este primeiro encontro coa directiva de ARBE, unha agrupación fundamental no concello, regado e rodeado de auga e de actividades vinculadas aos ríos, xirou arredor da protección, o coidado e o desfrute dos ríos. Os integrantes da asociación trasladáronlle ao BNG as súas peticións para as diferentes administracións, que van desde o mantemento á retirada de sedimentos ou á creación dunha campa de varada.
Antón Tenreiro, o novo integrante do grupo municipal do BNG, indicou que “o coidado dos ríos e da ría debe ser un labor prioritario para calquera goberno betanceiro e a interlocución con entidades como ARBE ten que ser constante e fluída”.
No encontro coa directiva de Amigos dos Ríos estiveron presentes o propio Tenreiro e o responsábel local do BNG de Betanzos, Moncho Bouzas.