O BNG de Betanzos recoñece o compromiso e o traballo de Salvador González durante o seu paso pola corporación municipal
Moncho Bouzas: “Como concelleiro sempre mostrou unha enorme vontade de achegar propostas e solucións para mellorar a cidade. Só podemos ter palabras de agradecemento polo esforzo e pola dedicación demostrada”
Betanzos, 20 de maio de 2026. O concelleiro do BNG en Betanzos, Salvador González, presentou hoxe a súa renuncia á acta por motivos persoais e sindicais que lle impiden continuar desenvolvendo o labor institucional coa dedicación que considera necesaria para a importancia dun concello como Betanzos. Desde o BNG de Betanzos quixeron trasladarlle publicamente o seu agradecemento polo traballo realizado ao longo destes anos, destacando a súa implicación e compromiso co proxecto nacionalista e coa defensa dos intereses da veciñanza de Betanzos no eido institucional.
O responsábel local do BNG de Betanzos, Moncho Bouzas, puxo en valor “a seriedade, a responsabilidade e a capacidade de traballo” demostradas por Salvador González durante este mandato. “Como concelleiro sempre mostrou unha enorme vontade de achegar propostas e solucións para mellorar a cidade. Só podemos ter palabras de agradecemento polo esforzo e pola dedicación demostrada”, sinalou Bouzas.
Desde a organización nacionalista subliñan ademais que a saída de Salvador González da corporación municipal non suporá maiores cambios; xa que continuará participando no día a día da organización, implicándose como até o de agora na toma de decisións, no traballo político e na actividade social e militante do BNG en Betanzos.
O BNG de Betanzos xa traballa no proceso de incorporación dunha nova persoa ao grupo municipal, cunha aposta orientada a servir como reforzo tanto neste último tramo do mandato como de cara aos próximos retos políticos e electorais. “Estamos centrados en incorporar o mellor perfil posíbel para continuar fortalecendo un proxecto sólido e con vocación de futuro para Betanzos”, apuntan desde a formación nacionalista.