O BNG cuestiona a finalidade da pinza urbanística entre PP e PSOE

As nacionalistas consideran que o apoio do PP ao PXOM evidencia que populares e socialistas comparten o mesmo modelo urbanístico

"Este tema deixa claro que hai dous modelos para escoller: o do PP-PSOE e o do BNG", concluíu Amelia Sánchez

O BNG cuestiona a finalidade da pinza urbanística entre PP e PSOE

Betanzos, 16 de maio de 2026. O BNG de Betanzos considera que o anuncio do Partido Popular de votar a favor do PXOM no pleno de aprobación provisional do próximo luns confirma a existencia dunha pinza PP-PSOE arredor dun modelo urbanístico que non impide "atrocidades urbanísticas" en zonas como O Carregal.

Desde o BNG sinalan que o apoio do PP ao PXOM deixa claro que, cando hai cuestións urbanísticas polo medio, populares e socialistas acaban coincidindo no esencial. As nacionalistas consideran especialmente grave que o Partido Popular e o Partido Socialista se alíen para aprobar un documento que permite construír na zona do Carregal, unha área inundábel que o BNG defende que debe destinarse a zona verde.

A portavoz nacionalista, Amelia Sánchez, advertiu de que “este plan deixa aberta a posibilidade de construír en toda a zona do Carregal, non só nunha parcela, malia tratarse dunha zona inundábel onde hoxe xa somos plenamente conscientes dos riscos que implica permitir edificacións”.

O Bloque tamén considera que esta situación deixa en evidencia a falta dun proxecto alternativo por parte do Partido Popular. “O PP amósase moi duro publicamente en temas como o Globo ou a raíña das festas, pero vai da man do PSOE cando hai cuestións urbanísticas polo medio”.

Segundo o BNG, os populares levan anos instalados “na confrontación e no ruído”, pero á hora de decidir sobre cuestións fundamentais como o urbanismo, o modelo de cidade ou o futuro económico de Betanzos “non teñen nada diferente que ofrecer. Non teñen alternativa de ningún tipo”.

O BNG seguirá defendendo un urbanismo responsábel e seguro, pensado para as necesidades e o futuro de Betanzos. Fronte á coincidencia entre PP e PSOE, o BNG reivindica a súa posición coherente e o traballo realizado para mellorar o PXOM durante todo o proceso de negociación. As nacionalistas lembraron que grazas ás súas achegas se eliminaron os SUNC de Infesta e se reduciu a construción prevista no Frade e na Cañota. Porén, consideran incompatíbel apoiar un documento que segue permitindo edificacións no Carregal.

O BNG insiste na súa posición: "No seu día trasladámoslle ao PSOE que estabamos dispostos a seguir traballando e colaborando de forma construtiva para mellorar o PXOM e aprobalo cando fose un documento de plenas garantías. Se o PSOE prefire aprobar co PP un PXOM que permite construír no Carregal, terán que explicalo eles".

Desde o BNG reiteraron que Betanzos merece “moito máis que o teatro político e os intereses compartidos de PP e PSOE” e apostaron por un cambio político real na cidade.

"Este tema deixa claro que hai dous modelos para escoller: o do PP-PSOE e o do BNG", concluíu Amelia Sánchez.

Desde o BNG chaman a todas as veciñas e veciños de Betanzos a asistir ao pleno de aprobación do plan xeral do próximo luns ou a seguilo de maneira virtual dada a súa importancia para o futuro do concello.

O BNG cuestiona a finalidade da pinza urbanística entre PP e PSOE