O BNG reforza o seu grupo municipal coa chegada de Antón Tenreiro
Antón Tenreiro substitúe como concelleiro a Salvador González, co fin de reforzar o grupo municipal do BNG no último ano do mandato
Betanzos, 1 de xuño de 2026. O BNG de Betanzos comunicou hoxe a entrada no grupo municipal de Antón Tenreiro como concelleiro na corporación municipal de Betanzos. Tenreiro pasa a ocupar o lugar de Salvador González, que deixou o posto por cuestións persoais e sindicais.
Antón Tenreiro, veciño de Infesta e integrante do Consello Local do BNG desde hai uns meses, posúe unha ampla experiencia no mundo do activismo e da política, afirmou que “asume a concellaría con responsabilidade, con seriedade e con ganas de traballar en positivo polo ben dos veciños e veciñas, na liña do que leva facendo o BNG ao longo destes anos”.
Coa súa entrada, o BNG de Betanzos pretende fortalecer a acción social da organización de cara ás eleccións de 2027. “Queremos contactar con todo o tecido social de Betanzos, coas asociacións, os clubs e o conxunto das veciñas e veciños do concello”, indicou Tenreiro.
As nacionalistas confían en que Tenreiro poida tomar posesión da súa acta o antes que sexa posíbel.