O BNG solicita explicacións pola tala masiva de arboredo na beira do Mendo
Logo de pedir a paralización dos traballos de tala abusiva nas marxes do río, que lle afectaron a un espazo protexido pola Rede Natura 2000 en plena época de cría de aves, as nacionalistas pedirán todos os datos sobre a corta e os desbroces no pleno ordinario
Betanzos, 25 de maio de 2026. O BNG de Betanzos esixiralle ao goberno local que explique as cortas abusivas que se desenvolveron nas marxes do río Mendo, desde a zona do lavadoiro das Cascas e ao longo da zona do Carregal, durante as últimas semanas.
As talas afectáronlle á zona de Rede Natura 2000, un lugar de máxima protección e garantías ambientais, e afectáronlle ao 50% do arborado, coa eliminación case total do mesmo nalgunhas zonas.
Segundo a voceira, Amelia Sánchez, “non só se eliminaron árbores mortas ou caídas sobre o río, como explicaba o goberno local en nota de prensa, senón que se cortaron exemplares sans, sen ter en conta que a corta de árbores de ribeira saudábeis pode propiciar a aparición de pragas”.
A acción, realizada en plena época de cría, afectoulle a numerosas especies protexidas de aves e foi acompañada dun desbroce cunha sega descontrolada.
Para as nacionalistas, foi unha acción executada de maneira descontrolada, en mala época e sen contar co asesoramento necesario, a pesar de indicar o goberno local que se contaba coa colaboración de Augas de Galiza.
Por outro lado, desde o BNG lembraron que no pasado pleno se aprobou por unanimidade unha iniciativa súa coa finalidade de crear unha área de restauración ecolóxica nesta zona.