O BNG esixe un centro de día para Betanzos e reproba as palabras da conselleira de Política Social
Vanessa Rey, “no BNG levamos anos reclamando a creación dun centro de día público comarcal, ao consideralo un servizo primordial e a Xunta debe asumir as súas competencias e facelo realidade”
A iniciativa do BNG saíu adiante coa única abstención dos concelleiros do PP, que animaron ao goberno local a buscar os fondos para o centro de día en institucións diferentes á Xunta
Betanzos, 28 de maio de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de esixirlle á Xunta de Galiza que constrúa un centro de día comarcal en Betanzos, en cumprimento das súas competencias e para materializar as promesas do anterior presidente da Xunta de dotar deste servizo a todos os concellos de máis de 5000 habitantes.
A concelleira nacionalista, Vanessa Rey, lembrou que “no BNG levamos anos reclamando a creación dun centro de día público comarcal, dado o carácter de cabeceira comarcal da nosa cidade. Xa en 2007 cando o BNG ocupaba áreas de goberno en materia de servizos sociais tanto no Concello de Betanzos como na Xunta de Galiza, logrou o compromiso de abrir un centro de día público en Betanzos, mais o PP evitou que se materializase a construción do centro na súa volta ao goberno galego”.
No BNG lembran que sempre defenderon como localización idónea para o centro de día o edificio do antigo ambulatorio, aínda que non se pechan a outras alternativas. “Apoiamos o proxecto para a súa construción nas inmediacións do centro de saúde en 2023 porque consideramos a creación deste servizo primordial, sexa onde sexa”, indicou Rey.
Para as nacionalistas, a Xunta de Galiza debe dar os pasos necesarios para a súa implantación e reprobaron as palabras da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen en sé parlamentaria deixou en mans do goberno municipal a súa construción. “As súas palabras, ademais de supoñer unha auténtica vergoña polo ton en que se pronunciaron, deixan ver unha clara deixadez de funcións por parte da conselleira, responsábel das competencias de Política Social e encargada de impulsar infraestruturas como os centros de día ou as residencias de anciáns”, lembrou a concelleira do BNG.
A iniciativa do BNG saíu adiante coa única abstención dos concelleiros do PP, que animaron ao goberno local a buscar os fondos para o centro de día en institucións diferentes á Xunta.