O BNG de Betanzos condiciona o seu apoio ao Plan Económico-Financeiro á presentación dun orzamento para 2026 que reduza gastos superfluos

Amelia Sánchez, portavoz municipal do BNG de Betanzos: “Desde o BNG fomos e seremos claras: esiximos medidas concretas para corrixir o rumbo económico do concello, pero sen recortar servizos nin facer pagar á veciñanza os erros de xestión do PSOE”.

O BNG de Betanzos condiciona o seu apoio ao Plan Económico-Financeiro á presentación dun orzamento para 2026 que reduza gastos superfluos

Betanzos, 5 de novembro de 2025. O BNG de Betanzos anunciou o seu apoio á proposta do goberno municipal para aprobar un Plan Económico-Financeiro e a actualización do IAE (Imposto sobre actividades económicas). As nacionalistas xustifican o seu voto favorábel ao entender que “este é un primeiro paso para corrixir esta situación, como vimos demandando desde hai anos”. Mais tamén sinalan que “o apoio do BNG non é un cheque en branco, esta a última oportunidade que lle damos ao goberno local para corrixir a situación económica de Betanzos”.

Ligado ao mencionado plan, e co fin de incrementar os ingresos municipais, o IAE será actualizado. A portavoz municipal do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, subliñou que este imposto “basease até o momento en valores catastrais do ano 2007, que xa non reflicten a realidade actual na distribución territorial da cidade nin a evolución da súa actividade económica”. Para a nacionalista, con esta actualización “o concello incrementará os seus ingresos de forma proporcional á capacidade económica das empresas con facturación superior ao millón de euros anuais”. “Desde o BNG pensamos que desta forma van contribuír de forma máis xusta ao mantemento dos servizos públicos, é dicir, quen ten máis capacidade económica fará maiores achegas”, explicou a portavoz nacionalista.

A portavoz lembrou tamén que o pasado ano foio BNG quen pediu a aplicación dun Plan Económico-Financeiro ao ver a preocupante situación, antes de que o Concello de Betanzos fora incluído de maneira forzosa nun Plan de Pago a Provedores do Ministerio de Facenda para facer fronte a facturas millonarias acumuladas, o que implicou que o Estado pasase a ser o principal acredor da débeda municipal. “A cambio, o goberno local viuse obrigado a presentar un Plan de Axuste que recollía subas no IBI e no IVTM, e recortes do 5% en persoal e gasto corrente”, explicou Sánchez. “Ese plan non se aprobou e Betanzos pasou a estar directamente intervido polo Ministerio, cun plan de pagamentos máis estrito e que reduciu aínda máis a marxe de manobra do concello”.

“Desde o BNG fomos e seremos claras”, engadiu, “esiximos medidas concretas para corrixir o rumbo económico do concello, pero sen recortar servizos nin facer pagar á veciñanza os erros de xestión do PSOE”.

As nacionalistas avanzan que o seu apoio ao Plan Económico-Financeiro e á actualización do IAE “responde ás esixencias formuladas polo BNG” e demostra que “un BNG con capacidade de decisión é útil para a veciñanza de Betanzos”. Porén, advirten de que estas medidas “serán insuficientes se non se controlan os gastos e se mellora a xestión dos recursos municipais”. Por iso, o apoio do BNG está condicionado a que o goberno municipal limite o gasto superfluo e presente antes de final de ano unha proposta de orzamento municipal para 2026 que permita continuar o camiño da recuperación económica.

“Entendemos que esta é a liña correcta a seguir polo goberno municipal, e desde o BNG estaremos vixiantes para que non se desvíe. O desastre económico de Betanzos é responsabilidade exclusiva do PSOE e non imos permitir que sexa a veciñanza a que teña que pagar polo seu mal goberno”, concluíu Amelia Sánchez.

O BNG de Betanzos condiciona o seu apoio ao Plan Económico-Financeiro á presentación dun orzamento para 2026 que reduza gastos superfluos