O BNG de Betanzos denuncia que "as subas de impostos e os recortes débense á pésima xestión económica do Goberno municipal nos últimos anos"

Amelia Sánchez: "A pesar das múltiples advertencias do BNG durante os últimos anos, o goberno local seguiu gastando sen control e incrementando os gastos superfluos e agora as consecuencias desta política irresponsábel ímola pagar todos os veciños e veciñas"  

"Neste momento o Concello está obrigado a aprobar un plan de axuste, que ten que recoller obrigatoriamente as subidas do IBI e o IVTM, ademais dun recorte do 5% no gasto de persoal e gasto corrente”

"Ímonos abster no Pleno, por responsabilidade, porque se o Plan de Axuste non saíse aprobado as consecuencias serían aínda peores para Betanzos. Pero non imos permitir que se minta á veciñanza. Todo isto é responsabilidade do desastre de xestión económica do PSOE"

O BNG de Betanzos denuncia que "as subas de impostos e os recortes débense á pésima xestión económica do Goberno municipal nos últimos anos"

Betanzos, 21 de outubro de 2024.- O BNG criticou que o goberno local do PSOE está facendo que as veciñas paguen as consecuencias da súa desastrosa xestión económica con recortes e subidas de impostos. “A pesar das múltiples advertencias do BNG, durante os últimos anos da necesidade de rectificar a política económica, o goberno local seguiu gastando sen control e incrementando os gastos superfluos e agora as consecuencias desta política irresponsábel ímolas pagar todas as betanceiras”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez. 

Desde o BNG acusaron ao goberno local de “dicir medias verdades” en relación coa subida de impostos que levarán a un pleno extraordinario a vindeira semana. As nacionalistas explicaron que estas medidas, xunto cos recortes de gasto anunciados, van incluídas nun plan de axuste que o pleno se ve obrigado a apoiar pola lexislación actual despois de que o Ministerio adherira obrigatoriamente ao concello de Betanzos ao plan de pago a proveedores. “Parécenos moi grave que se intente ocultar a situación económica á veciñanza, non van ter o apoio do BNG para mentirlle aos veciños e veciñas”, criticou a voceira nacionalista. 

“Este mesmo ano, sabendo a delicada situación económica, despois de acudir a un prestamo dunha entidade privada, de 3 recoñecementos extraxudiciais por máis de 2.300.000 euros, de saber que nos ían adherir ao plan de pago a proveedores do Estado, que supón que se vai facer cargo o Ministerio de pagar as facturas pendentes -outros máis de 2.500.000 euros- e que despois o concello ten que devolvelos e é o goberno do Estado o que marca a política económica, os recurtes e subidas de impostos, as medidas do goberno foron incrementar aínda máis o gasto superfluo: un día máis de FFM, actuacións de Chenoa e a Panorama nas festas que duraron dúas semanas, na conta xeral de 2023 gastaron en gasto protocolario máis de 104 mil euros, e máis de 60 mil euros e publicidade e propaganda. É completamente irresponsábel”, criticou a portavoz do BNG. 

Desde o BNG anunciaron que o seu voto neste plan de axuste vai ser a abstención, para non bloquear a situación económica do concello, que xa é tremendamente grave. “Ímonos abster, porque é o unico que podemos facer con un minimo de responsabilidade, para non bloquear o concello de Betanzos, máis non nos imos facer responsábeis da situación económica en que o goberno do PSOE sumiu ao concello de Betanzos, da que o único culpábel é o propio PSOE”, explicou Sánchez. 

“No BNG queremos ser parte da solución non do problema, somos a alternativa ao desastre de xestión do PSOE, porque actuamos sempre pensando no mellor para Betanzos. Fronte a un PSOE que é incapaz de corrixir a súa xestión e admitir a situación con clareza e o PP de canto peor mellor, no BNG só respondemos diante dos veciños e veciñas e actuaremos sempre de forma responsábel e honesta”, concluíu Sánchez.

O BNG de Betanzos denuncia que "as subas de impostos e os recortes débense á pésima xestión económica do Goberno municipal nos últimos anos"