O BNG de Betanzos pide á Xunta que garanta prazas seguras e suficientes no transporte escolar en Betanzos

Amelia Sánchez: “É inadmisíbel que haxa crianzas sen praza de transporte escolar mentres se fala de conciliación e de mobilidade sostíbel"

O BNG de Betanzos pide á Xunta que garanta prazas seguras e suficientes no transporte escolar en Betanzos

Betanzos, 27 de outubro de 2025. O BNG de Betanzos presentará no próximo pleno municipal unha moción para reclamar á Xunta de Galiza que adopte medidas urxentes para garantir prazas suficientes e seguras no servizo de transporte escolar e no transporte público integrado que utilizan os centros educativos da cidade.

A portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, explicou que “ano tras ano, a saturación das liñas do CEIP Francisco Vales Villamarín é unha realidade que deixa fóra do bus a moitos nenos e nenas, especialmente nas paradas de Bellavista e do Mandeo, mentres a Xunta continúa mirando para outro lado”. A nacionalista lembrou que os problemas non se limitan a Betanzos, “tamén o alumnado doutros concellos da comarca, como Miño ou Oza-Cesuras, sofre as consecuencias dun sistema mal planificado e sen medios, con estudantes que mesmo teñen que viaxar de pé”.

A formación nacionalista denuncia que o actual modelo de transporte integrado, que mestura escolares con persoas adultas e depende da Consellaría de Mobilidade, “non garante un servizo axeitado nin seguro para o alumnado”. Sánchez considera “inadmisíbel que haxa crianzas sen praza de transporte escolar mentres se fala de conciliación e de mobilidade sostíbel”.

O BNG defende que todo o alumnado do ensino obrigatorio debe ter dereito a unha praza de bus público, independentemente da distancia á escola. Por iso, a moción solicita que a Xunta garanta prazas para todo o alumnado, preste o servizo en condicións de seguridade e reforce as liñas máis saturadas. “O transporte escolar é un servizo básico que debe funcionar con planificación e respecto ás familias”, concluíu a portavoz do BNG.

Avances en igualdade e a eliminación de especies pirófitas cerca de núcleos de vivendas

Ademais, o BNG levará tamén a debate plenario unha iniciativa coa que demandar da Xunta de Galiza máis recursos e servizos públicos na loita contra a violencia machista.

A portavoz municipal, Amelia Sánchez, advertiu que “a privatización e a falta de medios están a limitar a resposta institucional fronte á violencia de xénero” e reclamou “reforzar os CIM, recuperar a xestión pública dos centros de crise e garantir atención psicolóxica e económica ás vítimas”.

Por outra banda, as nacionalistas buscarán o acordo do pleno municipal para instar á Xunta de Galiza a garantir o cumprimento da Lei de prevención e defensa contra incendios forestais e evitar novas plantacións de especies pirófitas, como o eucalipto, nas proximidades das vivendas, núcleos habitados e estradas.

A formación nacionalista lembra que a normativa obriga a manter limpas as parcelas nunha franxa mínima de 50 metros arredor das casas e destaca o exemplo da plataforma veciñal Infesta non se Contamina, que vén denunciando a presenza de eucaliptos invadindo camiños e tendidos eléctricos.

Desde o BNG celebran que a Xunta comece a atender estas queixas, mais  piden que esta vixilancia se estenda a todo o termo municipal de Betanzos para garantir a seguridade da veciñanza e previr novos incendios.

O BNG de Betanzos pide á Xunta que garanta prazas seguras e suficientes no transporte escolar en Betanzos