O BNG pide un informe que aclare as consecuencias da non aprobación do plan de axuste

Amelia Sánchez: “É importante que toda a veciñanza teña información de cales son as consecuencias da non aprobación do plan de axuste e en que se concreta desde o punto de vista económico, canto vai deixar de ingresar o concello das transferencias do Estado e durante canto tempo”

O BNG pide un informe que aclare as consecuencias da non aprobación do plan de axuste

Betanzos, 25 de outubro de 2024.- O BNG anunciou que solicitará un informe de intervención, no pleno ordinario que se celebrará o martes, onde se concreten as consecuencias económicas de que non se aprobase o Plan de axuste asociado ao Plan de pago a provedores do Ministerio de Facenda. 

“Pensamos que é moi importante que toda a veciñanza teña información de cales son as consecuencias da non aprobación do plan de axuste e en que se concreta desde o punto de vista económico, canto vai deixar de ingresar o concello das transferencias do Estado e durante canto tempo”, explicou a voceira do BNG Amelia Sánchez. 

“O concelleiro de facenda explicou onte no pleno desde o punto de vista legal as consecuencias pero pensamos que é fundamental que teñamos datos económicos con cifras para poder tamén prever como vai afectar ao persoal ou ao gasto corrente do concello, que se financia con cargo a estas transferencias”, engadiu. 

Información e transparencia 

Desde o BNG mostráronse moi críticas coa falta de información e transparencia do goberno en todo o que ten que ver coa situación económica “que chegou onte mesmo a non retransmitir nin gravar o pleno municipal nin advertir antes de que non se ía retransmitir nin explicar os motivos”.

Insistimos en que a veciñanza ten dereito a saber o que está pasando e as causas. “Pedímoslle ao goberno local un exercicio de transparencia, xa que a veciñanza que vai pagar as consecuencias da desastrosa xestión económica do PSOE, merece toda a información”, concluíu. 

O BNG pide un informe que aclare as consecuencias da non aprobación do plan de axuste