Balance de metade de lexislatura. Cara a onde vai Betanzos?

Somos a única alternativa útil, que traballa en positivo, construíndo e buscando o mellor para as nosas veciñas e veciños e nesa liña seguiremos traballando polo Betanzos que queremos

Balance de metade de lexislatura. Cara a onde vai Betanzos?

O pasado 17 de xuño cumpríanse dous anos da creación da corporación municipal saída das urnas de 2023. Afrontamos, pois, a metade do mandato e cómpre facer balance da situación do noso concello. Dous anos nos que no BNG somos críticas coa acción do goberno local, nos que pensamos que Betanzos se instalou por un lado na desidia e falta de proxecto e ideas do goberno local e por outro, no canto peor mellor, na crítica destrutiva que dinamita a convivencia sen ofrecer solucións nin alternativas. No BNG facemos unha oposición en positivo con ideas e propostas buscando sempre ser útiles á veciñanza de Betanzos. 

Estes dous anos estiveron marcados polas consecuencias para Betanzos da irresponsábel xestión económica do goberno local do PSOE. Unha xestión que colocou o concello nunha situación complicada, como todas as betanceiras saben. A día de hoxe, o concello perdeu a súa autonomía e está intervido polo Ministerio de Facenda, que asumiu os máis de 2.500.000 euros que se lle debían aos provedores municipais; sen esquecer que en 2024 se pediu un crédito de 1.300.000 euros para pagar investimentos. Só por isto, consideramos que o balance é sumamente negativo e moi preocupante, por iso no BNG somos sumamente críticas coa xestión económica do equipo de goberno que nos levou a esta situación, cuxas consecuencias imos ter que sufrir as veciñas e veciños. Por iso, tamén, esiximos cambios na actuación económica do goberno, responsabilidade e transparencia na xestión dos recursos públicos.

Mais hai outras cuestións que tamén nos preocupan no BNG e nas que levamos anos traballando. A mobilidade, especialmente no casco histórico, de novo de actualidade nos últimos meses. Nós temos claro o noso modelo: unha zona histórica peonil, que favoreza a mobilidade das persoas, acompañando esta implantación dun plan de dinamización para o comercio e a hostelaría da zona e de medidas para que se asente nova poboación no casco. Esa é a nosa proposta, máis alá dos minutos que se pode ou non circular, o certo é que cantos máis coches haxa nas rúas, menos persoas haberá. O goberno debe decidir a quen prioriza na mobilidade no casco histórico.

No BNG seguimos apostando tamén pola xestión directa dos servizos públicos básicos, por iso reivindicamos a remunicipalización do Complexo Deportivo do Carregal e a xestión municipal do mercado de abastos despois da súa renovación. Só a xestión pública garante que se priorice a calidade dos servizos e non o negocio económico (como estamos a ver con outros servizos básicos como o do comedor do Vales Villamarín).

Somos críticas porque no noso concello son imprescindíbeis maiores avances e medidas decididas, en moitos temas, en urbanismo – seguimos tendo pendente a aprobación do PXOM e do PEPRI- na conservación do patrimonio, en vivenda ou mesmo en servizos básicos como traída de auga, saneamento ou mantemento e limpeza. 

No BNG temos claro o Betanzos que queremos, un concello que faga do seu patrimonio a locomotora económica da comarca, un casco peonil, uns servizos públicos ao servizo da veciñanza e unha institución municipal transparente. Nestes dous anos déronse moi pequenos avances neste modelo, grazas ás propostas e ao impulso BNG. Somos a única alternativa útil, que traballa en positivo, construíndo e buscando o mellor para as nosas veciñas e veciños e nesa liña seguiremos traballando polo Betanzos que queremos.

Balance de metade de lexislatura. Cara a onde vai Betanzos?