O BNG de Betanzos abre un novo curso político facendo balance da primeira metade de mandato

Amelia Sánchez, portavoz municipal do BNG: “Betanzos necesita unha alternativa á desidia do PSOE e á política destrutiva do PP”.

O BNG ofrece unha alternativa de goberno con propostas que procuran o mellor para a veciñanza de Betanzos.

O BNG de Betanzos abre un novo curso político facendo balance da primeira metade de mandato

Betanzos, 3 de setembro de 2025. O BNG de Betanzos fixo balance do actual mandato municipal e denunciou a falta de proxecto do goberno do PSOE, así como a actitude destrutiva do PP. Para a formación nacionalista, Betanzos precisa unha alternativa real que poña ás persoas no centro das políticas municipais.

A portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, lembrou que o mandato comezou cun acordo de investidura entre nacionalistas e socialistas “para garantir un goberno da esquerda, convencidas de que o proxecto do PP ía supoñer unha involución para a veciñanza”. Con todo, explicou que “hoxe atopamos un goberno do PSOE falto dun proxecto claro, mentres o PP se dedica a dinamitar a convivencia desde a crítica permanente, sen achegar solucións”.

Desde o BNG quixeron afondar na idea dunha oposición útil e construtiva, centrada en mellorar a vida da veciñanza. “Traballamos sempre en positivo, con propostas que procuran avances reais. Sabemos que non temos aínda a forza suficiente para sermos alternativa de goberno, mais seguimos a traballar para selo”, afirmou Sánchez.

A portavoz advertiu tamén das consecuencias da xestión económica do PSOE: “O gasto sen control provocou a intervención das contas municipais polo Ministerio de Facenda, con máis de 2,5 millóns de euros en débedas a provedores e un crédito de 1,3 millóns para investimentos. A mala xestión do PSOE pagámola todas e todos”.

Outro dos asuntos prioritarios para o BNG é a mobilidade e dinamización do Casco Histórico. “Non se trata de discutir media hora arriba ou abaixo de aparcamento libre, senón de apostar por un modelo que poña ás persoas no centro. Experiencias como Allariz ou Pontevedra amosan que unha zona histórica viva, cun plan de apoio ao comercio, á hostalaría e con medidas para atraer nova poboación, pode ser o verdadeiro motor económico de Betanzos”, sinalou.

As nacionalistas volveron insistir na necesidade de recuperar a xestión pública dos servizos básicos, como a municipalización do Complexo Deportivo do Carregal e garantir unha xestión directa do mercado de abastos despois da súa renovación, xa que “só a xestión municipal garante calidade por riba do negocio privado”.

Así mesmo, a formación nacionalista lembrou a urxencia de aprobar os instrumentos urbanísticos que a cidade precisa, como o PXOM e o PREPI do Casco Histórico. “Estes dous plans son imprescindíbeis, xunto con políticas de vivenda pública e accesíbel, conservación do patrimonio e melloras en servizos como abastecemento de auga, saneamento, limpeza e mantemento”, engadiu a portavoz.

Fronte á parálise do PSOE e ao obstrucionismo do PP, o BNG reafirma a súa vontade de ser a alternativa de goberno en Betanzos. “Queremos converter o patrimonio betanceiro na locomotora económica da comarca, cun casco histórico pensado para as persoas, servizos públicos de calidade e unha administración municipal transparente, eficaz e participativa”, concluíu Amelia Sánchez.

O BNG de Betanzos abre un novo curso político facendo balance da primeira metade de mandato