O BNG esixe un plan de axuste para garantir o saneamento económico do concello
O BNG trasladou a súa profunda preocupación pola situación económica do concello e esixiu medidas concretas para garantir os pagos ás pequenas empresas e autónomas que teñen débedas pendentes de pago do concello, algunhas desde hai máis dun ano.
Betanzos, 15 de xullo de 2024.- O BNG solicitou que se inclúa un punto na orde do día do Pleno extraordinario para esixir ao goberno local un aprobación dun plan de axuste que garanta que o concello vai poder facer fronte aos pagos a empresas e provedores e o saneamento económico do concello e que o goberno local someta ao aprobación do Pleno no mes de setembro este plan de axuste, redactado polos servizos técnicos.
Despois de coñecer, a través do informe que solicitaron para apoiar a aprobación do orzamento, que as facturas pendentes de pago do ano pasado ascenden a máis de 1.500.000 euros, aínda despois de aprobar un primeiro recoñecemento de facturas xa de 900 mil. O BNG trasladou a súa profunda preocupación pola situación económica do concello e esixiu medidas concretas para garantir os pagos ás pequenas empresas e autónomas que teñen débedas pendentes de pago do concello, algunhas desde hai máis dun ano.
“No BNG adiantamos que imos garantir que as pequenas empresas e autónomas de Betanzos e a comarca poidan cobrar as débedas que teñen pendentes. O primeiro paso para avanzar na solución á situación económica é pagar as débedas, e nos imos propor solucións en positivo, para o ben das pequenas empresas e os veciños e veciñas de Betanzos. Mais esta situación non pode seguir producíndose e por iso esiximos medidas concretas para modificar o funcionamento económico do concello”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“No pleno do mes de setembro esiximos un plan de axuste e imos estar continuamente vixilantes para que este plan se cumpra e comprobar como avanza a situación económica do concello de Betanzos”, engadiu a voceira nacionalista. “Na liña que vimos traballando desde o BNG facemos unha política en positivo, propoñendo solucións e traballando polo ben das veciñas e veciños”, concluíu.