O BNG de Betanzos leva á rúa a súa campaña de apoio ao comercio local
Vanessa Rey: “É necesario implicar os distintos gobernos para que promovan políticas en beneficio do sector, para mellorar a situación destes negocios”
Betanzos, 18 de decembro de 2025. O BNG de Betanzos levou aos locais do pequeno comercio betanceiro a súa campaña de apoio ao comercio local. Esta campaña componse dunha unha iniciativa plenaria, que as nacionalistas presentaron no pasado mes de novembro e que foi apoiada por unanimidade; dun reparto informativo entre as tendas do centro urbano de Betanzos e dunha xeira de reunións co sector que agardan desenvolver nas próximas semanas. Todo coa finalidade de apoiar o sector do pequeno comercio, un dos sectores máis puxantes na economía betanceira xunto coa hostalaría.
As nacionalistas indicaron que o sector do pequeno comercio nos últimos anos vén facendo fronte á dura competencia que significaban as grandes áreas comerciais e o comercio en liña, que viñeron a cambiar os hábitos de consumo da maior parte da sociedade occidental. Por iso desde o BNG “sempre pensamos na importancia de articular medidas no curto e no medio prazo, para reducir o impacto destas mudanzas no consumo da veciñanza”, indicou a concelleira Vanessa Rey.
Rey tamén salientou “a importancia de implicar os distintos gobernos para que promovan políticas en beneficio do sector, para mellorar a situación destes negocios. Unhas políticas estruturais que vaian máis alá de campañas efémeras que procuran gastar rápido e correndo uns fondos moi limitados”.
Con esta campaña, no BNG pretenden instar ao goberno local a que faga un esforzo para promover o consumo no pequeno e mediano comercio, fonte de riqueza e de emprego para a veciñanza de Betanzos e da comarca.