O BNG alerta dos problemas de seguridade no barrio dos Ánxeles
As nacionalistas alertan do estado de varios edificios que sofren desprendementos sobre a vía, así como de cuestións que teñen a ver coa seguridade no tránsito viario.
Betanzos, 3 de marzo de 2023.- O BNG de Betanzos trasladou ao pleno ordinario da corporación a preocupación da veciñanza dos Ánxeles pola seguridade para as persoas no entorno da rotonda que une a rúa coa da Cañota. A veciñanza desta zona alerta da presenza de varios edificios en estado de ruína sobre os que o goberno local non ten actuado.
En palabras da voceira nacionalista e candidata á alcaldía, Amelia Sánchez, “en sentido do tránsito rodado, ao saír da rotonda cara ao Campo, na banda dereita da rúa dos Ánxeles existe un edificio que continúa desprendendo partes da fachada sobre a vía pública e as fendas que esta presenta avanzan sen que se tomen medidas de cara a garantir a seguridade das persoas”. Segundo as nacionalistas, o único que fixo até a data o goberno local foi colocar unha cinta plástica que desapareceu aos poucos días.
“Para agravar a situación, na outra banda da rúa, hai instalada unha estada que imposibilita o tránsito peonil pola única beirarrúa que ten este tramo da vía, obrigando aos peóns a invadir a calzada ou meterse baixo o edificio ruinoso”, abundou Sánchez.
No BNG solicitan ao goberno do PSOE que tome medidas para forzar aos propietarios destes inmobles en ruínas a garantir a seguridade para as persoas, así como a recolocación dos colectores de lixo que se localizan na confluencia das rúas Ánxeles e Cañota, que impiden a visión para quen se incorpora desde o Camiño dos Ánxeles.