O BNG esixe coñecer o estado da contratación dos servizos da piscina
Sánchez recalcou a falta de información aos partidos que conforman a corporación municipal e á veciñanza que está a vivirse en todo este proceso
Betanzos, 7 de febreiro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para coñecer o estado do expediente da adxudicación da piscina municipal e do complexo deportivo anexo, logo de ter caducado o contrato actual.
En palabras da voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “logo de múltiples problemas durante o anterior proceso de adxudicación, a empresa “Servicios Deportivos Gallegos” resultou adxudicataria do servizo, mais o contrato remataba o pasado mes de decembro e a día de hoxe non sabemos que empresa está a ofrecer o servizo nin en que condicións”.
Sánchez recalcou a falta de información aos partidos que conforman a corporación municipal e á veciñanza que está a vivirse en todo este proceso. Segundo as nacionalistas, pola documentación municipal podemos intuír que se resolveu a contratación dos servizos da piscina e do complexo deportivo sen se ter publicitado debidamente e sen ter informado nin aos grupos políticos que conforman a corporación nin á veciñanza brigantina.
As nacionalistas esixen que se informe ao pleno da corporación e á veciñanza de Betanzos do estado da contratación deste servizo, que afecta a centos de persoas usuarias e ao propio cadro de persoal da piscina.