O BNG pide que se actúe contra a praga do picudo vermello que afecta ao arboredo municipal
O goberno local debe tomar consciencia da presenza desta praga nos parques betanceiros e tomar medidas a curto prazo para solucionar esta problemática
Betanzos, 17 de xaneiro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para solicitarlle ao goberno local que tome as medidas que sexan necesarias para acabar coa praga do picudo vermello, unha praga de orixe asiática que está a afectar a todas as palmeiras da península e de toda Galiza.
Segundo a súa voceira local, Amelia Sánchez, “esta praga, que acabou con boa parte das palmeiras do sur do país, maniféstase coa caída das follas superiores da árbore e remata por matala se non é tratada a tempo. Asemade, é altamente contaxiosa”.
As nacionalistas alertan de que, a simple vista pode observarse que esta praga está a afectar ás palmeiras centenarias que se sitúan no parque Pablo Iglesias e que acabará por estenderse por todo o concello de non se tomaren as medidas oportunas. “Cómpre lembrar que as palmeiras centenarias, como calquera árbore desas características, constitúen parte do noso patrimonio histórico”, engadiu Sánchez.
Para as nacionalistas, o goberno local debe tomar consciencia da presenza desta praga nos parques betanceiros e tomar medidas a curto prazo para solucionar esta problemática.