Servizos públicos: a posición do BNG
"Se cadra para algúns o prioritario é a comedia de encontros e desencontros entre os partidos da oposición, antes que a crítica construtiva do goberno. A nosa prioridade é clara: servizos públicos de calidade".
Betanzos, 5 de novembro de 2015. O xornal Betanzos e a súa comarca publica no seu número deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas, no que analizamos os últimos cambios introducidos polo goberno local do PSOE en dous servizos municipais: traída e saneamento e escola infantil. Polo seu interese a continuación reproducímolo enteiro. Boa lectura.
Os servizos públicos: a posición do BNG
Ao valorar os cen primeiros días de goberno, convidabamos o PSOE a defender o público, a gobernar para todas. Pasan os días e a realidade é teimuda. Só dous exemplos:
1. A escola infantil municipal: desde hai meses son constantes as queixas do persoal e as familias sobre a marcha da escola. O goberno non cobre as baixas e o resultado á vista está: masificación e incumprimento das ratios legais. O BNG levou a situación ao pleno en setembro e o goberno decidiu iniciar un novo proceso selectivo. Dado que o proceso tardará en resolverse uns dous meses, nós propuxemos recorrer de forma urxente e excepcional ás listas xa existentes. O Pleno rexeitou a nosa proposta, sen presentar alternativas. Cal sería a solución, logo? Que as traballadoras fagan máis horas extras? Que se sigan incumprindo as ratios, con máis alumnas por aula do permitido?. A nosa prioridade é clara: servizos públicos de calidade. Mágoa, porque nesta cuestión como noutras, o de menos é garantir uns servizos públicos de calidade para a veciñanza; se cadra para algúns o prioritario é a comedia de encontros e desencontros entre os partidos da oposición, antes que a crítica construtiva do goberno.
O BNG-AA considera unha prioridade o desfrute público duns servizos de calidade costeados cos nosos impostos
2. As piscinas e polideportivo municipais: outro servizo que leva anos privatizado, acumulando queixas pola baixa calidade das prestacións. Agora Viaqua quere subarrendar a xestión, talvez porque non ve negocio, ou porque pensa lucrarse máis coa subcontrata. Para o BNG, a cuestión é evidente: ou todo ou nada. Se Viaqua non quere prestar o servizo, é a ocasión para recuperar a xestión pública da piscina e o polideportivo; como un primeiro paso, pedimos no pasado pleno que se estudase a hipótese de recuperar a xestión municipal dos dous servizos, por crela máis barata e eficiente. Pois ben, o BNG-AA foi o único en defender no Pleno a recuperación. Seica o resto de grupos están de acordo en seguir cos servizos deportivos privatizados.
En definitiva, o BNG-AA considera unha prioridade o desfrute público duns servizos de calidade costeados cos nosos impostos. Porén, o que para nós é evidente, para outros é secundario. O prioritario parece estar sempre na discusión sobre procedementos legais ou a imposibilidade de actuación sen un estudo previo; en definitiva, un teatro lamentábel que se repite pleno tras pleno, con grupos que diverxen en todo, si, mais que ao final están todos de acordo co PSOE, un teatro onde ninguén gaña e onde todas perdemos.