O BNG-AA denuncia irregularidades na escola municipal de folclore
As nacionalistas propoñen establecer un regulamento para a escola de música tradicional para garantir o mesmo trato para todas as persoas.
Betanzos, 4 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propuxo no Pleno establecer un regulamento da escola municipal de folclore. A proposta busca canalizar o descontento dos usuarios da escola e solucionar os problemas xurdidos no proceso de matriculación.
Creando un regulamento toda a veciñanza podería consultar as normas de matriculación e saber a que aterse
Se consultamos a información disponíbel no web municipal ou no propio folleto da escola, non consta por ningures un tope de alumnado por aula en ningunha das especialidades, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Na práctica, a realidade é ben distinta; xa son varias as persoas advertidas de que as súas solicitudes serían atendidas por orde de entrada.
Ora ben, se non é preciso presentar as solicitudes no rexistro municipal, resulta imposíbel establecer unha orde en función da data e hora de recepción, explica o edil do BNG-Asembleas Abertas. Non parece o mellor proceder para darlle a todas as persoas o mesmo trato, que é o que debe de facer o Concello, asegura.
Desde o BNG-AA consideran que este tipo de cuestións poderían ser facilmente solucionadas mediante a elaboración dun regulamento para a escola de folclore. Así, toda a veciñanza podería consultar as normas de matriculación e saber a que aterse, explican.
Profesorado con contrato temporal pero sen proceso selectivo
As nacionalistas preguntaron no Pleno tamén pola contratación do profesorado para a escola de folclore. Hai un docente menos este ano, o que traerá incidencias na docencia, explicou Del Río. Mais alén desta cuestión, o BNG-AA reclamou unha explicación pola contratación do cadro docente sen ningún proceso selectivo.
Actualmente, o profesorado contrátase de xeito temporal, cun contrato que dura o curso escolar, explica Del Río. As nacionalistas lembran que a lexislación exixe a convocatoria dun proceso selectivo para cada contrato de persoal laboral temporal.
O goberno do PSOE leva anos evitando a convocatoria destes procesos selectivos, tanto na escola de folclore como no conservatorio; gustaríanos saber que motivos se esconden detrás deste incumprimento manifesto da lei, conclúen.