Del Río: Por que o que vale para as orquestras non serve para as rúas ou os xardíns?
O BNG exixe ao goberno local do PSOE que paralice as contratacións que prepara de xeito fragmentado para evitar o concurso público.
Betanzos, 12 de abril de 2013. O BNG celebrou o cambio de criterio anunciado polo goberno local do PSOE con respecto á contratación de servizos para o Concello. Alegrámonos de que por fin o goberno local nos faga caso e convoque un concurso público para contratar, neste caso, os servizos das orquestras das festas, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Mais o alcalde debera dar unha explicación inmediata, clara e convincente de por que o que serve para as orquestras non serve para amañar as beirarrúas ou os xardíns, indicou.
Os nacionalistas discrepan co PSOE en que o concurso que acaba de anunciar o goberno local sexa pioneiro, xa que o BNG leva facéndoo anos alí onde goberna e tampouco é nada raro no Estado español como se pode ver buscando un pouco en internet.
Por este motivo, desde o BNG exixiron ao goberno local do PSOE que paralice as contratacións que prepara de xeito fragmentado para evitar o concurso público. A semana pasada anunciaron unha contrata para cortar a herba dos xardíns oito meses indicou o voceiro do BNG, se o PSOE está decidido a privatizar a área de xardíns e medio ambiente, que sexan valentes, saquen un concurso público coa totalidade dos traballos e asuman as consecuencias. A quen se pretende beneficiar fraccionando os contratos para evitar que todas empresas e autónomos poidan presentarse en igualdade a un concurso público?, pregunta.
Do mesmo xeito, Del Río reclama ao executivo do PSOE que aclare por que evita sacar a concurso público todas as actuacións de reparación de vías públicas e continúa asignándollas a dedo ás empresas que elixen. Quen sae beneficiado con este comportamento? preguntan, xa que entenden normal que a xente teña a mosca detrás da orella. Insisten en que o Concello ten no seu cadro de persoal vinte operarios para estes cometidos.
Desde logo o Concello e a veciñanza non saen beneficiadas con este proceder, indica o nacionalista, que entende que un concurso público é máis transparente, polo tanto a xente pode controlar mellor as decisións, permite máis concorrencia de ofertas e polo tanto garante que se contraten as mellores prestacións e os prezos máis axustados. O que non pode ser é que se venda o concurso como marabilloso para as orquestras pero se vete para os servizos que a veciñanza precisa a diario, censuran desde o BNG. Que é o que busca o goberno local realmente actuando dun xeito ou outro en cada caso?, preguntan.
O PSOE está facendo cos contratos do Concello o mesmo que facía o PP e que eles criticaban: dar os contratos a dedo fraccionándoos para evitar o concurso público, insiste o voceiro do BNG. O alcalde, cando estaba na oposición, falaba de fraude de lei cando criticaba ao PP e agora fai o que cuestionaba. Criticaron que a ORA e o guindastre funcionasen sen contrato cando o Secretario advertiu desto e dous anos despois manteñen estes servizos sen contrato, lembrou. Quen se beneficia desta situación?, preguntouse.