Del Río escribe sobre a relación entre os orzamentos do Estado e a creación de emprego na comarca
"Nin un euro para a ría de Betanzos, como vai haber marisqueo nin turismo vinculado as actividades náuticas ou ambientais? Nin un peso, outra vez, para o Casco Histórico, como consecuencia non se aposta polo turismo e os empregos que podería crear"
Betanzos, 9 de outubro de 2013. O xornal "Betanzos e a súa comarca" recolle nas súas páxinas deste mes un artigo do portavoz municipal do BNG, Henrique d
el Río, sobre os orzamentos do Estado para 2013 para a nosa cidade e comarca e a relación que teñen coa creación de emprego. Polo seu interese reproducímolo integramente a seguir.
As sardiñas e o emprego
Acaban de coñecerse os datos do desemprego do mes de setembro e Betanzos volve destruir emprego despois do espellismo de agosto. Son xa 1212 persoas desempregadas, situación mais grave no caso do desemprego feminino, xa que temos 658 mulleres desempregadas, bastante máis do 50%. E sen contar a todos os nosos veciños e veciñas que tiveron que emigrar este ano, non hai 50- ou aquelas persoas que non se inscriben no INEM porque saben que non lles vai solucionar nada.
Mentres, o PP no goberno do Estado está celebrando estes fantásticos datos de desemprego e fálanos de brotes verdes e goberno local do PSOE limítase a organizar todo tipo de festas porque, seica, crean emprego. Os gobernos teñen formas de cambiar esta situación e de crear oportunidades para ter emprego no noso concello, outra cousa é que queiran.
Dicía o alcalde no Pleno de agosto que como as terrazas do Campo crean emprego e dinamizan a economía local había que perdoalles as taxas, porque xa pagan unha gran cantidade polas plataformas que lles construíron con cartos de todos e todas. Ben, a realidade parece que ven a quitarlle a razón. O PSOE e o PP decidiron perdoarlles as taxas e disparar os gastos en festas, mais, aínda así, o desemprego medrou no noso concello un 1,93%.
O mesmo desinterese por evitar a destrucción de emprego amosan os orzamentos do Estado para o vindeiro ano. Non hai un só peso no orzamento para Betanzos, e abandónanse sectores que deberan ser a base do crecemento económico da nosa comarca. Nin un euro para a ría de Betanzos, como vai haber marisqueo nin turismo vinculado as actividades náuticas ou ambientais? Nin un peso, outra vez, para o Casco Histórico, como consecuencia non se aposta polo turismo e os empregos que podería crear. Nin un peso para o tren de cercanías, polo tanto seguimos a desaproveitar a nosa situación xeográfica para que o noso comercio e hostalería poidan tirar partido dos visitantes que un bó transporte público podería achegar á nosa cidade.
Dicía Castelao que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen, pois este goberno está claro que non quere que a sardiña do emprego volva á nosa comarca.