O BNG reclama que o Concello asuma o pago dos medicamentos dos doentes crónicos

O BNG reclama que o Concello asuma o pago dos medicamentos dos doentes crónicos

"O obxectivo é que ningún veciño ou veciña quede sen o tratamento e vexa gravemente comprometida a súa vida por unha cuestión de cartos”.

Betanzos, 8 de outubro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que asuma o repago dos medicamentos para doentes crónicos. “Está moi ben que o PSOE presente unha moción o mes pasado para instar o Ministerio a dar marcha atrás no copago, pero o alcalde e o goberno do PSOE deben pasar das palabras aos feitos”, indicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.

Os nacionalistas exixen ao executivo do PSOE que “tome nota de como defenden á súa veciñanza os gobernos de Riotorto, Vimianzo e Monforte”. "Un alcalde está para algo máis que bachear camiños e pór farolas”, asegura Del Río, que urxe ao goberno local do PSOE a "evitar as irreparábeis consecuencias dunha política inxusta e discriminatoria aprobada polo goberno do PP no estado”.

A medida reclamada polos nacionalistas implicaría que Betanzos faga fronte ao custe dos tratamentos de leucemia, cancro de mama e de ril, tumores cerebrais, hepatite C e doutras patoloxías atinxidas polo re-pagamento farmacéutico de dispensación hospitalaria. “Se se pagaban os medicamentos para os emigrantes betanceiros en Arxentina, non hai excusa para abandonar á súa sorte á veciñanza”, indican.

"O obxectivo é que ningún veciño ou veciña quede sen o tratamento e vexa gravemente comprometida a súa vida por unha cuestión de cartos”, explica o voceiro do BNG. “Se o Goberno central non está disposto a derrogar dita resolución discriminatoria, inxusta e que ataca dereitos básicos do pobo, e a Xunta de Galiza segue na súa teima de aceptar esta política austericida e que entre en vigor a finais de ano, Betanzos ten a obriga moral de garantir o acceso dos nosos veciños e veciñas aos servizos sanitarios", sentenciou.

O voceiro do Bloque lamentou que “as decisións que o Partido Popular está aprobando en materia sanitaria vaian máis aló de consideracións ideolóxicas e sobrepasen a fronteira da ética e da moral". Denuncian que o obxectivo final deste tipo de medidas é "facer da sanidade pública un artículo de luxo digno só para os petos máis privilexiados".

“O goberno do PSOE non debera ter ningún tipo de excusa para levar adiante esta medida tendo presente que un alcalde dese partido xa a tomou en Pedrafita”, ironiza o edil do BNG. “A cuestión é que o PSOE betanceiro terá que decidir se está do lado da veciñanza ou se no Pleno fixo xogos florais pero á hora da verdade está conforme co austericidio de Rajoy e Feijóo”, conclúe.

O BNG reclama que o Concello asuma o pago dos medicamentos dos doentes crónicos